Saúda o tolo

Publicado: 26 jul 2026 - 04:10
La Región

Teño un amigo que, grazas o teletraballo, descubriu que os seus compañeiros de oficina non eran persoas tan desagradables. Foi deixar de verse durante meses, de darse os bos días, de felicitarse por cousas do calendario, de mercar agasallos para o amigo invisible, e de compartir en voz alta ofertas de vinted, preocupacións, plans de viaxe ou algunha noticia falsa de internet, para gozar en silencio, e na intimidade da casa, dun ambiente de traballo saudable. Ás veces resulta insoportable chegar á oficina, coma se nada, e atoparse cun compañeiro que, sen motivo ningún, está a gozar dun día marabilloso.

Todos sabemos que nunha oficina un ten que estar pendente de tantas cousas irrelevantes que resulta imposible traballar. Por iso as xornadas en España son de sete e oito horas, cando dende casa, sen máquina colectiva de café nin visitas ao despacho do comercial que hoxe veu cuns pantalóns que flipas, un pode deixar todo liquidado en catro ou cinco. Algúns xefes descubriron que, sen o seu férreo control para evitar que alguén pase demasiado tempo pensando diante do ordenador en vez de teclear, acaban escribindo cousas con sentido. Por non falar de todo o material de oficina que deixaron de roubarlles, e xa non digamos de utilizar.

Os que levamos moitos anos teletraballando sabemos que o peor é o illamento. Tamén é o mellor. Agora mesmo síntome perfectamente adestrado para levar unha gasolineira nocturna, vixiar un aparcadoiro subterráneo, facerme francotirador ou mesmo avó de aldea, e traballar a leira de diante da casa, que foi o primeiro teletraballo.

E así foi como, ao pouco, empecei a saudar o tolo da aldea

Hai pouco, cubrindo unhas eleccións, tiven que facer un feixe de quilómetros en coche. É certo que a radio fai bastante compañía, pero nin sequera tiña a quen contarllo. Preguntábame como farían os transportistas para atravesar Europa sen ter nada que facer coa saliva. Axiña me acostumei a meterme na parte manual das peaxes para que alguén me dirixise a palabra, aínda que só fose para pedir cartos.

E así foi como, ao pouco, empecei a saudar o tolo da aldea. Toda aldea que se prece ten o seu tolo, que vén sendo unha especie de recepcionista. Para min debería ser unha figura pública que formase parte das institucións, ou quizais xa forme parte delas, probablemente de alcalde.

Cada vez que cambiaba de aldea, ás veces en treitos de trescentos metros, saudaba un tolo, ou a alguén que eu decidía nese mesmo instante que era o tolo. Chegábame con ver un home só, sentado nun lugar público, sen nada mellor que facer que contemplar o interior dos coches, coma o supervisor dunha cadea de montaxe. Hai poucas cousas máis sospeitosas para a mente humana que alguén sentado sen facer nada, especialmente se parece moi feliz.

Cando o tiña identificado, case freaba para saudalo efusivamente coa man. Había quen se sorprendía tanto que nin lle daba tempo a sacar o escarvadentes da boca, pero outros quitaban a gorra dende os bancos de pedra ou as paradas de autobús, desas que se notaba que facía tempo que non paraba ningún. Moita xente no ten moita máis relación cos seus compañeiros de oficina ca a que eu tiña cos meus tolos imaxinarios, o que os convertía en algo parecido aos meus compañeiros de oficina e a min, sen dúbida, no máis tolo da empresa que eu montara na miña cabeza.

Contenido patrocinado

stats