Saudade do PSdG

Publicado: 20 dic 2025 - 01:50

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Cando eu era novo -digamos que contra mediados-finais dos setenta- había en Ourense varias posicións socialistas. Por una lado, o Manolo Villar e os seus que termaban do que se chamaban PSOE histórico, o que non aceptara os cambios propiciados por Willy Brant e os felipistas no congreso de Surenes, a finais de 1974. Por outro Anselmo Morais e o PSP -Partido Socialista Popular- de Tierno Galván; poucos e intelectuais. Tamén estaba, desde o nacionalismo, o PSG -Partido Socialista Galego-, grupo socialdemócrata de Beiras no que aquí estivera Leuter González Salgado, pero tamén Carlos Guitián, Carlos Martínez, meu pai e outros pouquiños, e que estaba integrado formalmente nunha FPS, Federación de Partidos Socialistas da que era figura pública, Enrique Barón.

Despois de pasar pola centrifugadora da democracia, a maioría acabaron no PSOE. No chamado PSdG-PSOE, Partido Socialista de Galicia-PSOE, sen a independencia orgánica do PSC catalán, pero con moita autonomía. Unha decisión dura, moi dura, foi a que esgazou o vello PSG de Beiras. Co apoio dos cartos de Willy Brant, Barón e a maioría da FPS decidiu integrarse no PSOE para ter un espazo amplo e saneado no que intervir na nova política. Unha parte do PSG acabou integrada no PSOE, e outra, andando o tempo, acabou no BNG. E o socialismo galego? Pois non orfo, pero quedou representado, si, claro, por un PSdG-PSOE o suficientemente autónomo e ilusionante como para atraer, sen complexos, a xentes como Carlos Casares, Alfredo Conde, Ramón Piñeiro, Benxamín Casal e outros galeguistas á súa participación activa na construción da autonomía a través do Parlamento Galego. Ou incluso, no caso de Alfredo, na Consellería de Cultura.

Un partido de esquerdas, seriamente sistémico, transformador, dialogante, autonomista convencido, que trate de vencer unha inercia política que en Galicia sempre favorece ao PP, é imprescindible.

E que queda daquel PSdG-PSOE e da súa capacidade de atracción? Nada. Absolutamente nada. Ou algo, pero, de momento, invisible. O problema nace, principalmente, cando os partidos deixar de ser lugares de reflexión e vontade de influencia ideolóxica na sociedade, e pasan a ser Oficinas de Emprego. “Sácate ti que me meto eu”, parece a máxima común. Así, xentes sen traxectoria intelectual nin profesional, ocupan cargos e enrócanse por décadas. Como viven diso e fóra chove, pois pelexan polo paraugas. E eu, que como infiel político, teño exercido a miña liberdade votando nalgunhas ocasións ao PSOE creo que a súa situación actual produce desacougo e espanto.

Parece que a “liña Ourense”, isto é pelexas continuas de familias que nin se falan, con oposición entre órganos, con advertencias de “coidado que veñen os meus” se estendeu por toda Galicia á calor da mutación do ese do vello PSOE, onde se debe ler Sanchista en vez de Socialista. Si. Un partido de esquerdas, seriamente sistémico, transformador, dialogante, autonomista convencido, que trate de vencer unha inercia política que en Galicia sempre favorece ao PP, é imprescindible. A viraxe de Besteiro a simple surcursal do máis fiel sanchismo é palmaria nas súas intervencións na cámara galega. Nesta liña o PSOE galego seguirá como apéndice palmeiro das iniciativas do BNG sen posibilidade ningunha de ser a alternativa de goberno. A guerra aberta entre bandas socialistas creo que clama por un punto final.

Quero crer que quedan algúns bos xuncos no PSOE de Galicia e de España. Vímolo nas charlas que se organizaron no Centro Valente de Ourense co motivo do 50 aniversario da morte de Franco. Sobre todo entre a xente máis nova. E creo que non sería malo que os socialistas galegos de onte e hoxe, de dentro e fóra do PSEO, pensasen na refundación dun PSG á imaxe do PSC catalán.

Aproveitar, canto antes mellor, a próxima fin do sanchismo, e tentar reconectar aquí coa realidade de Galicia, coas esencias da socialdemocracia europea, co sentido común, e afastándose desa extrema esquerda que lles marca, cos seus cantos de serea, un camiño errado e negador da extraordinaria contribución socialista á liberdade, democracia, autonomía e progreso.

Contenido patrocinado

stats