Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
Afrenta al Estado en Ceuta
CASTELLUM HONESTI
O “VI Informe Mundial de Saúde Mental do grupo AXA” ofrece datos sobre o estado emocional da sociedade mundial. Respecto de España, di que un de cada tres veciños cre sufrir un problema deste tipo, unha percepción que medra ano a ano. O estudo sinala tamén que a mocidade entre os 18 e os 34 anos presenta os peores indicadores de benestar psicolóxico, sendo a incerteza ante o futuro, a inestabilidade económica e laboral e o malestar social e político, os seus principais factores de risco. A eles, habería que engadi-la soidade e mailo illamento do resto, que o 35% da poboación percebe coma negativos para a súa saúde mental. Considéroo un retrato social preocupante, sobre todo se entendemos que detrás de cada dato estatístico hai sempre persoas; a miña eterna teima.
Adoita acontecer que analizámo-la saúde mental desde unha perspectiva só clínica; porén, sen nega-la súa importancia, convén lembrar que non vivimos illados e que afianzámo-la nosa personalidade a través das relacións familiares, de amizade, de traballo de veciñanza, etc.; é dicir, de contornas que nutren o noso sentimento de pertenza a un grupo. Hai moitos séculos, ó defini-lo home coma un zoon politikon, Aristóteles advertía que estamos feitos para vivirmos cos demais e que é consubstancial á nosa natureza construírmos sociedades; ou, engado eu, xerar espazos nos que a persoa poida desenvolverse plenamente en liberdade.
Nunca estivemos tan conectados e, ó tempo, nunca foi tan doado sufri-lo illamento
Ó le-lo informe con atención, detecto varias cuestións que me preocupan. Por unha banda, subxace o problema da soidade non desexada. Sabemos que hai unha soidade voluntaria, necesaria para pensar, crear ou atoparse cun mesmo; esta coñézoa e búscoa de cando en vez para meditar. Cousa distinta é a que non escollemos e que, co tempo, se converte nunha forma insidiosa de illamento que, de xeito ineludíbel, deriva na exclusión. Esta modalidade representa unha ruptura dos vencellos que permiten á persoa sentirse recoñecida, valorada e identificada con algo; constitúe a perda dese “Nós” que dá sentido ó “Eu”, do que sempre falo. Ó mesmo tempo, prívaa dun sentimento de pertenza grupal que, ó desaparecer, ataca á convivencia e debilita a autoestima e a saúde mental. E sei do que falo.
Asemade, o informe de AXA pon sobre a mesa unha das grandes contradicións actuais, o gran paradoxo dos tempos que vivimos: nunca estivemos tan conectados e, ó tempo, nunca foi tan doado sufri-lo illamento. Escribín nalgunha ocasión que as redes sociais facilitan o contacto pero non sempre xeran ligazóns. En troques, poden compórtanse coma axentes “(a)sociais” que, sen citar outras eivas, conectan perfís mais non necesariamente persoas. Teño claro que a tecnoloxía é unha ferramenta útil, pero unha pantalla non substitúe a unha conversa, a unha aperta a un bico ou á sensación plena de sentirmos parte da vida doutra persoa. Lembro que, ó escribir sobre o Ribeiro, definía o seu territorio coma unha “comunidade imaxinada”; isto é, un conxunto de individuos que, sen coñecerse todos entre si, comparten unha historia, unha linguaxe ou un proxecto común, e isto se traduce nun sentimento de pertenza a algo. Hoxe, a miña reflexión vai máis alá do mundo do viño xa que un barrio, unha vila, unha asociación ou un país, son comunidades que existen porque compartimos vínculos dos que emana un sentimento de pertenza. O problema radica no illamento social progresivo que aniquila calquera posibilidade de experimenta-la sensación de protagonismo dentro de calquera deste grupos.
Coido que os datos do informe AXA constitúen unha chamada de atención pero tamén poden ser unha oportunidade para lembrarmos que a saúde dunha comunidade mídese pola capacidade que ten de coidar dos seus dun xeito integral. E desta aseveración deriva a idea de que unha sociedade sa atende ó que sofre, pero tamén crea tódalas condicións preventivas, necesarias para que cada persoa se sinta recoñecida, útil e parte dun Nós.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
Afrenta al Estado en Ceuta
Xose A. Perozo
Soño dun día de verán
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
A saúde do Nós
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE VERANO
El doble bikini como filosofía de vida
Lo último