Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
Afrenta al Estado en Ceuta
Cando amencen os días de calor eu escapo ao monte. Hai anos comprei unha casiña de pedra abandonada polos herdeiros dun matrimonio ancián, falecidos antes de que a aldea caese no esquecemento. Hoxe é un refuxio cómodo, agradable e silencioso abrazado pola natureza viva e puxante. Está na cima do lugar, ao cabo dunha costa pola que o coche familiar sofre para culminar o carreiro. Rodéannos un bosque de carballos silenciosos e unha fraga dentro da cal identifico algúns olmos, dúas nogueiras, un piñeiro foráneo, cinco castiñeiros, abundantes acivros, freixos e amieiros na zona máis frondosa. Chegando á beira do río aséntanse fermosos bidueiros. Por fortuna a miña paisaxe escapou dos eucaliptos e piñeirais madeireiros. O río rodea a parte baixa do monte e refresca o ambiente cando o sol castiga en demasía e, mesmo, bendicímolo como devasa contra o lume.
-Non te fíes –dime Ramón ao pasar co seu rabaño de ovellas e cabras camiño do arboredo para que os animais se nutran de herbas e sombra-. Se en tódolos bosques vivisen cabras non habería incendios.
O cabreiro mostra unha idade indefinida. É maior, moi maior, e nalgunha ocasión sospeitei que se trata dun defunto deses que permanecen pegados á terra que lles viu nacer e morrer. As súas sentenzas resultan acertadas e o bosque que rodea a casa de pedra permanece libre de maleza grazas ao gando. A poda corre pola miña conta e na primavera e outono cumpro retirando as pólas secas.
Hoxe, como todos os amenceres de verán, os meus baixaron ao mar. Non lles importou nin ver o ceo encapotado nin a masificación das praias. Eu respiro o aire puro da brisa. Ao pouco de quedar só acudiron os meus amigos os pardais. É unha gozada velos bailar ao redor do alpiste e as faragullas de pan coas que premio o seu amor pola liberdade e o afán empregado en librarme dos mosquitos zoadores. Si, teño amizade con eles, saben do meu amor e nunca foxen da miña presenza. Con todo, nada máis aparecer algunha gaivota, abandonan o banquete, téñenlles tanto desapego coma eu. Nelas vexo a reencarnación das celestinas literarias. Son mentireiras e traizoeiras. Non quero que veñan de visita nin que se posen no tellado tomando posesión do territorio. Pero bo! Tamén teñen dereito á paz do monte, aínda que non sexa o seu hábitat mariño do que escapan.
A verdade é que todos estes veciños meus fanme compañía, incluíndo o puñado de lobos que se trasladaron desde a serra porque este lugar é máis seguro
O día vai pasando e sentado na hamaca contemplo o horizonte perdido máis aló da fronteira do país veciño. Entre os meus ollos e a franxa de ceo debuxada polo sol transparente, a autoestrada semella unha cremalleira aberta entre dous mundos ou, talvez, unha ferida contaminante. Aos marxes da cinta gris comparten rectángulos, e outras figuras xeométricas coloristas, os sementados verdes, as terras de secaño, os arboredos e as casas como grans de millo ou puñados de fariña agardando por unhas galiñas que nunca acudirán ás súas chamadas. Case aos meus pés vai o río ancho e tranquilo, hoxe é máis verdoso que azul pero sei que as súas augas peregrinas son transparentes e frescas porque baixan camiñando desde as serras afastadas onde este inverno caeu moita neve.
Xa están aquí! Uns coellos acudiron a saudarme, son simpáticos e saben que algunha vez os premio con cenorias. Hoxe esquecín compralas pero quedaron un bo anaco a charlar coas pegas, quen sempre en parellas presumen de ser as banqueiras do bosque e eu doulles a razón porque non hai obxecto brillante que non atrapen coma se fosen moedas de prata. Adoito enganalas con bólas de papel de aluminio. Onte dixéronme que están postas a mal co falcón peregrino, quen a pasada primavera aniñou no canón do río e anda asoballando todo o val coma se fose seu. Temo que ás pegas só lles move a avaricia porque os merlos e outras aves están encantadas coas exhibicións aéreas do falcón.
A verdade é que todos estes veciños meus fanme compañía, incluíndo o puñado de lobos que se trasladaron desde a serra porque este lugar é máis seguro. Con eles concordan os xabarís, ultimamente moi afeccionados a baixar de compras aos supermercados da cidade, aínda que os raposos lles advirtan das trampas dos humanos. Comigo non adoitan establecer disputas e de cando en vez máis aló do muro prémiolles con refugallos de carne fresca. Co luscofusco un verderolo tivo a ousadía de peteirar na mesa e non dubidou en avisar de que os mouchos e as perdices andan con sustos porque cada vez na nosa contorna hai máis corzos, gamos, cervos e donicelas. Convénzoa de que debemos convivir en paz pois o bosque é vida para todos. Porén nestas pasou unha aguia real e o paxariño puxo fin á conversa. Foi xusto o momento no que tamén una bandada de pombas anunciou a noite.
Os meus regresaron con cheiro a salitre, queixándose do bulicio xunto ao mar e moi alterados. Puxeron a tele e a realidade entrou na casa. A miña compañeira apremou para abandonar o monte. Un incendio está a dous pasos, dixo. Asegurou que Galicia e todo o país arden polos catro costados. En Andalucía os mortos e desaparecidos cóntanse por decenas. Preguntou intranquila:
-Non cheiras o fume? ¿Non ves o ceo cincento? Que fixeches todo o día nesta maldita soidade?
-Soñar, paréceche pouco?
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
Afrenta al Estado en Ceuta
Xose A. Perozo
Soño dun día de verán
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
A saúde do Nós
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE VERANO
El doble bikini como filosofía de vida
Lo último