Afonso Vázquez-Monxardín
Estramadura, e a decisión do PSOE
PINGAS DE ORBALLO
Remata o ano e os papeis, os medios de comunicación énchense de resumos, extras, especiais, estatísticas, memorias, nostalxias... trapalladas. Porque todo é máis sinxelo que todo iso: dun día pasamos a outro, e a vivir. Dous ou máis días; é igual. No 2025 pasaron certas cousas e no 2026 pasarán outras. Máis ou menos ou incluso as mesmas en cantidade; pero os meses teñen os mesmos días, os santos seguen os mesmos. No 2026 hai que vestirse para non andar espidos, como se fixo no 2025. No ano novo oulearán os lobos como oulearon no vello; unhas veces máis forte que outras, con máis intensidade que outras, pero seguirán sendo ouleos... e lobos.
Os coches circularán, as rulas voarán, os avións aterrarán, o silencio será silencio cando non haxa ruído. O ruído será barullo cando sexa moito e continuo, e rache o silencio. As campás tocarán a releixo, a finado e marcarán as horas. Os toxos agromarán logo de cortalos e rebentarán as súas flores cando lle corresponda (a flor do toxo é bonita). Os bolígrafos cuspirán palabras de orballo e o orballo mollará as polainas. No 2025 houbo risas e choros. No 2026 haberá o mesmo, e sorrisos, e queixas, e carraxe, e morriña, e soidade, e melancolía, e noites nas que a lúa vella brillará por todo o firmamento.
Tamén os desexos dun ano para outro serán os mesmos: saúde, amor, cartos. Pola contra, haberá así mesmo enfermidades, odios e pobrezas. No 2025 houbo guerras, xenocidios, corrupcións, abusos, maltratos, dor, mortes, berros, angustias. De todo isto non nos libraremos no 2026. Para que todo, ó final do ano, atado nun feixe, o carguemos no carro dos resumos, dos extras, dos especiais, das estatísticas, das memorias, das nostalxias... das trapalladas. Como sempre. Como todos os anos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar