Sempre chamochín

Publicado: 06 nov 2025 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

No mes de Ourense, novembro, co gallo do San Martiño,e vaia por diante a miña noraboa pública ao premiado neste 2025, o Doutor valdeorrés Rafael López López, Presidente da Asociación Española de Investigación Oncológica (ASEICA), celebramos a Ourensanía. E teño para mín como moi especial o tempo adicado a poñer en valor o papel proverbial na Historia de Galicia do ourensán dos Peares Rodolfo Prada Chamochín.

Merecente, unánimemente, da primeira ourensanía de honra en 2016, sempre ocupou un lugar senlleiro no altar do galeguismo. Chamochín participou, dunha ou doutra maneira, dende América, en tódolos movementos que conforman a actividade galeguista do século XX; dende as Irmandades da Fala en 1918, ata a transición política á autonomía, en 1980, ano da súa norte, pasando antes por un estreito contacto cos homes da Xeración Nós; a labor do Partido Galeguista; a campaña do estatuto e o plebiscito en 1936; a acollida aos exiliados e a recuperación cultural, en Bos Aires, a Galicia ideal; os conflictos cos galeguistas do interior, nos que foi mediador válido e, sobre todo, o ser home de confianza de Castelao e xestionar, como albacea, o seu legado. Ninguén pode negar o seu protagonismo na prensa da época. Tampouco que foi o principal impulsor de “Sempre en Galiza” que, como saben, saíu do prelo en 1944, na cidade porteña, pola Editorial As Burgas-Centro Orensano de Buenos Aires.

En 2016 fixemos un acto de recoñecemento nos Peares, na sede do consorcio. Lembramos o seu papel como Secretario do Centro Galego de Bos Aires sendo artífice da unión das asociacións de emigrantes que existían na capital arxentina (xunguíu os centros ourensán, pontevedrés, lucense e coruñés converténdose en Presidente). ¿ Por qué non suliñar que fundou a Asociación Protectora da Real Academia Galega, que creou a revista Acción Gallega ou que foi redactor xefe e copropietario de Correo de Galicia? Convén ademáis, e non sólo anecdóticamente, resaltar que ese labor de “apostolado galeguista” en hispanoamérica foi posible, indirectamente, grazas ao mecenado dos laboratorios do Doctor Andreu, que era a empresa para a que traballaba como representante.

En novembro de 2017 homenaxeamos novamente a Rodolfo Prada e chegou a Galicia por primeira vez a súa neta María Soledad Parra que visitou o estudio do escultor Manuel Buciños para ver o boceto da escultura ao seu avó. A neta do galeguista destacou que Chamochín considerou sempre un privilexio pertencer a unha terra como Ourense e Galicia. A obra de Buciños inaugurámola en novembro de 2018, e coa súa neta Elena Prada, na aldea dos tres ríos, diante da casa onde naceu, coa seguinte lenda : “Rodolfo Prada-Os Peares, A Peroxa, 1892. Bos Aires 1980-. Poñamos desde América galeguidade na nosa terra (Encol da nosa Galiza, 1935).¡ Terra a nosa!”. Para non esquecer o seu labor instauramos o Premio Rodolfo Prada de xestión cultural (para premiar a personas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega),presentado co aval da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

En novembro de 2018, logo de entregar o Premio Ourensanía en Bos Aires ao Centro Partido do Carballiño de Bos Aires e ao Centro Ourensán de Montevideo, fixemos as xestións correspondentes para traer a Galicia, o 21 de novembro, os seus restos mortais – e os da súa muller Manuela Fraga- dende o cemiterio de Chacarita (no Panteón do Centro Galego) para renderlle homenaxe na Deputación de Ourense, no salón de plenos, diante de autoridades e representacións de entidades culturais de Ourense e de Galicia, incluidos, por suposto, os máximos dirixentes do seu partido: o Partido Galeguista. Foron días nos que conseguimos xuntar emocionalmente símbolos eternos da galeguidade: estivo compartindo espazo co cuadro “a derradeira leición do mestre” do seu irmán Castelao, na antiga biblioteca da Deputación, que trouxemos a Galicia despois do acordo correspondente co Centro Galicia, unha cesion que foi unha noticia de forte impacto cultural e emocional para o mundo da galeguidade. Aínda superamos ese escenario cando nos visitou a filla de Aleixandre Bóveda, o ourensán cuxa morte representa a obra. Un momento único que nunca esquecerei: xuntar en Ourense, no pazo provincial e no mesmo plano, o cuadro de Castelao cos restos de Rodolfo Prada e a presenza física da filla de Bóveda. Abofé que esa sí que foi, permítaseme a brincadeira, unha real conxunción planetaria.

O cuadro (unha pintura a partir do orixinal, que é a estampa número seis do álbum “Galicia mártir” de 1937, que Chamochín lle pedíu facer) data de 1945, chegando a Ourense setenta e tres anos despois. Gardo como inesquecible o acordo co presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, no edificio do Centro Orensano onde tiveran os seus despachos Prada e Castelao e onde se celebrara o “Día dos Mártires Galegos” e se presentara o cuadro, obsequio do rianxeiro ao Centro… tamén un sentemento especial cantar o noso himno, membros de tódalas forzas políticas, no vestíbulo de acceso ao Centro Gallego sen dúbida forma parte dos momentos que sempre lembrarei con orgullo.

Máis tarde cumprimos enteiramente o requirimento de Rodolfo Prada que plantexou como derradeira vontade que seus restos descansasen na súa terra cando en Galicia houbera democracia e tivéramos goberno proprio. E temos dende entón a Chamochín no cemiterio de Casdevil nos Peares. Deber cumprido. Así llelo recordei a Miguel Santalices, Presidente da Casa de tódolos galegos e galegas na rúa do Hórreo, cando o móbil destacou esa fotografía do tres de novembro de 2019 co acto no que tanto tivo que ver Luís González Tosar, Presidente do Pen Clube e no que participou, como sempre, Francisco González, Presidente da Asociación Cultural Rodolfo Prada Chamochín. E falo de Santalices porque este sábado día oito leerase en Bande a “Declaración pola língua galega” antes de descubrirse novas lápidas en galego no seu panteón familiar, homenaxeando ao seu Pai, sen dúbida un dos bos e xenerosos. Porque Galicia existe porque existimos os galegos e as galegas. Sigamos dándolle pulo e continuemos co exemplo de Chamochín. Ningunha enerxía mellor empregada. Teño dito.

Contenido patrocinado

stats