Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre el vagabundeo
ARTE ET ALIA
Xurxo Oro Claro (Loeda-Piñor, 1955) ou a expresión do talento plástico dende a cerámica artística xestada no taller de Allariz -vila na que enraizou o familia-, e Barcelos, Portugal, do distrito bracarense, famosa pola olería tradicional, con notable infraestrutura industrial, onde fixo Arxila, auga e lume, para expoñela en Santiago, salón do artesoado do Pazo Fonseca da Universidade. E a poucos centos de metros, no museo das peregrinacións, Acisclo R. Manzano Freire (Ourense, 1940, taller en Viduedo, Cea) amosa Bosquexos para Mateo. Dúas xeracións, dúas sensibilidades.
O versátil artista alaricano estrea novo camiño estético deixando a un lado o luminoso aceiro soldado co que se ten expresado con autoridade de seu durante décadas en significadas exposicións dende a figuración, con conceptos solidarios e decididas tomas de postura. Así co simbólico Bosque 3050, acacias mortas recubertas de aceiro inoxidable, en Bonaval e Oseira. A pintura abstracta, e o gravado teñen sido sendas. Mais o sólido escultor decidiu saír da zona de confort e cun xiro 180º fai unha posta en escena con pezas cerámicas de gran porte, formas canónicas, con ocos-fiestras que se abren dende dentro, unha con andoriñas. Varias delas convértense en esculturas figurativas pois levan cabeza, e outras son rostros. Nas súas barrigas fai paisaxes, variantes expresivas que engaden novas voces. As pernas-habitáculo é outro dos temas, acaídas próteses. Con elas hai que poñer en relación as variantes de pés, que se asentan no entorno familiar e a tradición de Allariz. Logo están os rostros efébicos, dobres a veces, con significantes engadidos. E todo elo nunha explosión polícroma sorprendente.
Coa súa linguaxe asentada no eido dos rostros evanescentes emerxendo lixeiramente da materia húmida, rostros xenéricos tenues, e no tronco ren de pés e mans, alternando aquí superficie puída a rugosa; e tralo cocido, cores metálicas para darlle expresión, vida. Chega así Manzano á sala expositiva museística con facianas baseadas nas das esculturas do Pórtico da Gloria, gañando así volume, sombra da gran escultura arquitectónica que centra a atención no dobre arco e parteluz do tripartito van. A ousadía explícase como o capricho de xuventude do escultor que no tempo en Santiago para aprender de Asorei visitaba o santo dos croques case como a Rosalía de Follas novas, 1880, Santiago, “Vós que os fixeches de Dios ca axuda, / de inmortal nome Mestre Mateo, / xa que aí quedaches homildemente arrodillado, Faláime deso.” O ourensán desprega a súa oratoria plástica no parteluz cos sinais das pegadas dos dedos, pois gusta de deixar esa marca persoal en moitas das súas pezas; fai anxos, algúns músicos do Apocalipse, apóstolos, Adán e Eva... e párase con Santiago para engadirlle pezas de cristal na coroa tentando a semellanza dende o efectista, todo entre citas bíblicas en galego, suxestión do comisario Manoel Carrete. Complétaa coa instalación dun taller con bosquexos en papel, escribindo o lonxevo artista na parede “Acisclo / pra / Mateo”. Candor. Namentres, a poeta do rexurdimento xa se decatara que as estatuas falaban: “Santos apóstoles, -¡védeos!- parece / que os labios moven, que falan quedo / os uns cos outros (...) ¿Estarán vivos?”... Aquí son foto-fixas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre el vagabundeo
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Su nombre no era para esa lápida
CUENTA DE RESULTADOS
De Cos y Knot, favoritos para el BCE
Victoria Lafora
La puntilla
Lo último