O silencio enxordecedor dunha cidade que arde

Publicado: 10 ago 2025 - 06:10 Actualizado: 10 ago 2025 - 12:36

Opinión en La Región | La Región
Opinión en La Región | La Región

Cando as televisións estatais amosan o mapa das temperaturas, Ourense figura sistematicamente en vermello intenso, competindo con Córdoba e Sevilla polos primeiros postos do termómetro. Porén, no debate político local reina un silencio enxordecedor sobre unha realidade que marca o cotiá da nosa capital. Non hai máis que botar un ollo aos perfís en redes sociais de concelleiras e concelleiros para comprobar que a cousa non vai con eles, sendo máis dados a enredar en polémicas estériles, defender ao seu equipo político en partidos xogados noutras latitudes ou prodigar exercicios de exhibicionismo de ego que tan só eles son quen de comprender. Namentres, a cidade cócese baixo un sol que bate récords históricos. Esta desconexión entre axenda política e problemas reais da cidadanía evidencia unha crise de liderado que transcende cores políticas.

Alén dunha innegable capacidade para xerar titulares controvertidas, o alcalde ignora sistematicamente os principais desafíos que afronta Ourense. Amais do calor extremo, a cidade sufre unha crise de vivenda sen precedentes, un caos circulatorio que fai do centro unha trampa para coches, cun transporte urbano de discutida racionalidade incapaz de conectar eficientemente os barrios, sucidade, deterioro de infraestruturas e o languidecer do tecido económico local. A inexistencia de expectativas e proxectos produtivos condena o porvir das nosas fillas e fillos.

O cambio climático non é unha ameaza abstracta en Ourense: é unha realidade cotiá que esixe respostas inmediatas. A sucesión de episodios de calor extremo constitúe un risco sanitario documentado para poboación vulnerable como anciáns, nenos e persoas con patoloxías crónicas.

En pleno mes de agosto pasma a pasividade municipal fronte á vixente canícula. Mentres outras cidades con problemáticas similares desenvolven estratexias de adaptación que melloran substancialmente a calidade de vida urbana, resignámonos ao éxodo masivo dos nosos conveciños cara ás costas, fuxindo de temperaturas que superan os 40 graos cunha humidade que converte as rúas nun forno. A oposición tampouco escapa a esta crítica, limitándose a reaccionar ante as ocorrencias do rexedor sen presentar iniciativas integrais para abordar os desafíos estruturais da cidade. Preocupados polo desgaste do alcalde máis que por construír solucións reais, céntrase en cuestións menores mentres ignoran os retos dunha cidade no século XXI.

O cambio climático non é unha ameaza abstracta en Ourense: é unha realidade cotiá que esixe respostas inmediatas. A sucesión de episodios de calor extremo constitúe un risco sanitario documentado para poboación vulnerable como anciáns, nenos e persoas con patoloxías crónicas. A ausencia de refuxios climáticos, a escaseza de sombra en itinerarios urbanos e a inexistencia de fontes públicas operativas agravan unha situación que require intervención urxente das autoridades locais.

Cidades como Barcelona crearon redes de case 400 refuxios climáticos que garanten acceso gratuíto a espazos climatizados durante as ondas de calor. Sevilla desenvolveu un innovador sistema de mapas de sombra e corredores verdes que reduce até 15 graos a temperatura superficial. París instalou ducias de fontes nebulizadoras que conseguen un efecto refrescante cun mínimo consumo hídrico. Mérida destinou 2,4 millóns de euros a un plan integral contra o calor que inclúe arborado urbano e renaturalización. Estes exemplos demostran que existen solucións tecnicamente viables e economicamente razoables para transformar Ourense nunha cidade máis habitable durante o verán.

Un plan integral para Ourense debería contemplar múltiples dimensións. Sen ánimo de exhaustividade, ademais dos refuxios climáticos en bibliotecas e centros cívicos, precisamos corredores continuos de sombra que conecten os principais servizos urbanos, unha rede ampliada de fontes públicas operativas, sistemas de nebulización en prazas principais e protocolos municipais de alerta temperá coordinados coa AEMET. A renaturalización urbana mediante plantación masiva de árbores autóctonos e a instalación de tellados verdes en edificios públicos poderían crear microclimas máis frescos...

Agardamos dos nosos representantes intelixencia para identificar prioridades reais, empatía para conectar coas preocupacións cidadás e ambición e capacidade para converter Ourense en referente de adaptación climática. O cambio climático pode transformarse en oportunidade se somos quen de abordalos con visión estratéxica e vontade política. Ourense merece líderes que entendan que gobernar significa mellorar a vida cotiá da xente, non limitarse a xerar ruído. O silencio ante o calor extremo é, paradóxicamente, un síntoma claro do arrefriamento dunha clase política desconectada da realidade que viven os seus representados. Son estas actitudes locais as que xeran desafección e desconfianza nas institucións, evidenciando que a crise democrática non é exclusivamente un fenómeno da política nacional.

Contenido patrocinado

stats