A sombra de Clichy-sous-Bois, vinte anos despois

Publicado: 30 oct 2025 - 18:53

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A noite do 27 de outubro de 2005, Zyed Benna e Bouna Traoré, de 17 e 15 anos, morreron electrocutados en Clichy-sous-Bois, unha comuna dos suburbios ao leste de París, mentres fuxían dun control policial. Durante tres semanas, a periferia francesa estalou, con máis de 9.000 vehículos queimados e 300 edificios danados. Cubrín aqueles disturbios como xornalista e permanece indeleble en min a imaxe dunha Francia partida en dous, onde décadas de segregación espacial, desemprego xuvenil masivo e desleixo institucional converteran as banlieues en auténticos barrios de pólvora social. Vinte anos despois, ao revisar o Atlas de Distribución de Renda dos Fogares do INE e constatar a desigualdade entre os barrios de Ourense, albisco os mesmos síntomas dunha fractura que medra en silencio. Cifras e escala son diferentes, pero a lóxica é idéntica.

O diferencial de ingresos entre o barrio máis rico e o máis empobrecido da cidade acadou en 2023 case os 16.000 euros netos anuais por persoa. San Lázaro, Paz Nóvoa e Concello superan os 25.000 euros, mentres que Covadonga e sectores de O Vinteún non chegan aos 10.000. Alén dos fríos datos, que son de por si alarmantes, arrepía a inexorable progresión da fenda. En 2015 a diferenza era de 12.912 euros, en 2020 situábase nos 14.617 euros, en 2021 alcanzou os 14.921 euros e en 2022 xa escalara aos 15.721 euros. Ano tras ano, a brecha medra a un ritmo constante. Namentres o centro suma incrementos dun 10% interanual, os barrios periféricos avanzan tan só ao 3%, ou mesmo retroceden. Non estamos en Clichy-sous-Bois, pero, de non actuar, navegamos cara un escenario non tan diferente.

A heteroxeneidade dos barrios responde ás expansións urbanas dos anos sesenta e oitenta, cando a periferia acolleu clase traballadora mentres o centro se consolidaba como núcleo profesional e comercial. O que era diversidade funcional deveu segregación estrutural porque non hai proxecto de cidade nin obxectivos claros. O problema é político antes que económico e as consecuencias xa se manifestan. Os barrios máis desfavorecidos acumulan taxas de desemprego xuvenil que duplican a media da cidade. As conexións de transporte público son insuficientes, obrigando a quen ten menos recursos a empregar máis tempo en desprazamentos. Os centros educativos enfróntanse a unha maior ratio alumnado-profesor e menos actividades extraescolares, sendo o abandono escolar precoz notoriamente superior. Ademais, coa recente chegada de poboación inmigrante, ao reto da pobreza hai que engadir o da integración, sen políticas públicas en curso para evitar que se reproduzan os guetos que estouparon en París.

Outras cidades enfrontaron este desafío con vontade política e resultados verificables. Rotterdam implementou desde 2005 cotas obrigatorias de mixidade social en barrios vulnerables con resultados medibles evitando a expulsión dos residentes con políticas de protección de alugueiros. Barcelona investiu millóns nos Plans de Barris entre 2016 e 2024 con melloras de equipamentos, espazos públicos e programas de emprego en Ciutat Meridiana, Raval ou Besòs. Lyon conectou periferias illadas mediante investimento masivo en metro e tranvía. Mesmo Francia, após os disturbios de 2005, lanzou plans de renovación urbana que recoñecían que a segregación espacial require respostas dos poderes públicos. Como sostén o xeógrafo estadounidense Edward Soja en Seeking Spatial Justice, ignorar a dimensión espacial da desigualdade e carecer de políticas activas de redistribución territorial perpetúa a inxustiza.

En Ourense, cohesionar require adoptar liñas de actuación inmediatas. Investimento público compensatorio mediante discriminación positiva territorial nos barrios de menor renda en educación, cultura e servizos sociais. Reforzar o transporte público que conecte periferias con outros barrios e co centro. Crear equipamentos estruturantes de calidade como bibliotecas, centros cívicos ou espazos deportivos nas zonas desfavorecidas. Desenvolver plans específicos de emprego e formación profesional para barriadas con altas taxas de desocupación xuvenil. Implementar políticas educativas territorializadas que reforcen centros en zonas vulnerables con menores ratios e programas de reforzo desde infantil.

Non son medidas revolucionarias, pero requiren decisión política e abandonar a xestión do cotiá sen rumbo. A segregación urbana é unha bomba de reloxería social que destrúe o tecido comunitario, perpetúa desigualdades interxeracionais e converte a urbe nun espazo menos habitable. Cando a cohesión territorial non se considera prioridade, a fractura devén irreversible. Vinte anos despois de Clichy-sous-Bois aprendemos que ignorar as feridas urbanas non as cura, senón que as afonda. Ourense precisa asumir que unha cidade que deixa medrar a fenda entre os seus barrios ano tras ano non está a crecer, está a romperse. Precisamos vontade política, proxecto de cidade e obxectivos claros, antes que sexa tarde.

Contenido patrocinado

stats