Sorpresas da vida

Publicado: 08 oct 2025 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Escoito con moita frecuencia que a xuventude actual é a mellor preparada que temos dende hai moitos anos. E concordo, máis poño algúns matices que atopo moi importantes. Que son os mais preparados, é verdade. Pois os rapaces, mozos e mozas e incluso os algo mais maiores están mellor formados en manexar as novas tecnoloxías; tamén en moitas materias como idiomas e outras disciplinas. Polo que teñen moitos máis coñecementos cas xeracións dos seus pais e avós. Máis, de cando en ver, levas sorpresas que chaman moito a atención. Supoño e espero que non sexan xeneralizas. Pois palpo que nas materias referidas á historia teñen grandes lagoas. E pode que así sexa, porque nos institutos e escolas cando se imparte esa materia nunca se chega as cuestións do século vinte, ou si se chega pasase de esguello de feitos históricos que deixaron unha marca moi fonda no século que deixamos atrás.

Hai uns días facendo unha visita de rigor ó centro de saúde resultou que, non lembro como saíu a colación, falamos de que o presidente americano Tump facía cousas que nos lembraban a Hitler. Vamos, que amosaba maneiras de ditador, xenófogo e supremacista. A carón meu estaba unha moza que facía as practicas de enfermería. Nesa pequena conversa e vendo o camiño de incerteza no que hoxe pasa no planeta, díxenlle á interlocutora que non entendía como, segundo as enquisas que saen nos medios, vaticínase un forte aumento da extrema dereita co apoio dos máis novos. A miña interlocutora díxome: pois parece que as cousas van por ise camiño. Despois desa afirmación pensei; saben os máis novos que esas forzas son fundamentalmente contrarías a Unión Europea actual e á democracia? Saben que os antecesores desta xente foron uns represores das liberdades que hoxe todos desfrutamos? Saben o lugar que lle asinan ás mulleres? Polo que pregunteille á moza das prácticas se sabía o que fora o Apartheid en Africa e se sabían o que era o Ku klux Klan, organización racista dos Estados Unidos. A resposta foi que non. Vamos que lle soaba a chino. Polo que optei por non seguir preguntando polo conflito civil de 1936 e máis feitos importantes do mundo que aconteceron no século pasado. A miña sorpresa diante tal descoñecemento foi grande pois cando se ignoran os feitos máis salientables do século vinte, ate un pode errar e ver o que non hai dentro desas forzas que se amosan e insultan contra o sistema político actual. Polo que axiña pensei: Que se ensina, e como se ensina nas clases de historia no noso Estado? Como se enfocan os feitos máis importantes do pasado recente.

Os tempos mudan, e xa chegou coa manipulación e ocultación que se fixo nas escolas durante moitos anos da nosa realidade social e política

Tamén lembrei á escola dos meus tempos cando só se falaba e loaba a Franco como ó salvador de España. Acordeime tamén do paso pola Escola Universitaria de Maxisterio onde se preparaba ós futuros mestres, e lembrei cando se ensinaba a historia de España, pois non se chegaba nin á constitución de 1812, deixando os séculos XIX e XX esquecidos. Séculos que foron onde se labrou o tempo que hoxe nos toca vivir. Logo, volvendo para a casa reflexionei, e pensei que no mundo as dialécticas violentas e patrióticas levaron, co voto cego dos alemáns, a Hitler ó poder. Logo pasou o que pasou. Polo que sen pretender desvalorizar ós docentes que fan a súa labor o mellor que poden, sería bo reflexionar sobor de como se pasa de lado por determinados feitos históricos que cambiaron o devir da nosa sociedade e do mundo. Feitos que trouxeron grandes conflitos bélicos.

Os tempos mudan, e xa chegou coa manipulación e ocultación que se fixo nas escolas durante moitos anos da nosa realidade social e política. Estamos en democracia e non se trata de manipular, trátase de formar xente libre pra que actúe coñecedora do que marcou a vida do mundo; do que marcou, e moito, a vida dos seus pais e avós; da terra onde vive. En fin, supoño que o que comento será un caso illado, pode que un despiste. Pero se fora verdade sería moi triste que a xente nova descoñeza a historia recente do seu pais e do mundo. Mais, ás veces, vendo persoas tan preparadas que descoñecen acontecementos importantes de dentro e de fora, un leva sorpresas que denotan que algunhas cousas non se fan ben de todo.

Contenido patrocinado

stats