Afonso Vázquez-Monxardín
Spain, zero points
O de facer política xestual de extrema esquerda no contexto internacional ten problemas. Un deles, a desconsideración das opinións sensatas que se puidesen achegar no medio do baralle. Por poñerlles un caso, creo que a iniciativa de paz sobre un estatuto de autonomía ao Sahara dentro do estado marroquí, é un bo punto de partida, incluso diría unha solución a un problema enquistado desde hai décadas. De acordo co PSOE nisto. Como nas maioría dos conflitos non é unha simple loita de bos e malos que teña unha solución fácil e darlle ao calendario para atrás é imposible. Ademais, os do Polisario non son santiños. Lémbrolles que 281 españois foron secuestrados ou asasinados por eles na segunda metade dos setenta e inicios dos oitenta. A maioría pescadores canarios, aínda que tamén traballadores dos fosfatos ou pescadores galegos. (38 chegou a haber secuestrados). Incluso foi morto un militar da patrulleira española que acudira en auxilio dun barco atacado o “Junquito”, onde tamén houbera mortos. Con tal motivo, en 1985, o Polisario foi expulsado de España polo goberno socialista de Felipe González. A ficción política é inútil pero creo que moito mellor lle tería ido ao Sahara, de saír ben a opción que patrocinaba España en 1974-5, o PUNS, Partido para a Unión Nacional Saharaui, coa intención de facer unha transición á independencia tranquila e controlada e amigable. Pero non foi posible, andaban Alxeria e Marrocos encerellando. En calquera caso, non foi posible unha independencia moi complicada, tamén, polos números. En 1975 o Sahara español tiña 75.000 habitantes e 280.000 km2. En fin, para arranxar as cousas sempre hai que partir da realidade, e pasaron 50 anos. Outro escenario. Hoxe é mellor un mal acordo que seguir nun preito que só trouxo sufrimento extremo ao pobo saharaui. O único obxectivo da política debe ser a busca da felicidade e benestar da xente. Reconciliación é palabra clave. E mellor vivir en El Aiun cun pasaporte marroquí e autonomía que no deserto sen nada.
Outro problema do baralle radical no contexto internacional é a confusión do inimigo. Non lembro atentados xudeus en España, nin en Europa, nin en ningún lugar do mundo... fóra do terreo do conflito entre eles (aos “colonos” violentos, hai que combatelos). E si, lembro os atentados de Atocha, de Cambriles e Barcelona, de Casablanca, do Bataclán, contra a embaixada en Kabul, e a persecución violenta das minorías cristiás en boa parte do mundo. Non, os israelís non son inimigos de occidente. Outros, débeno demostrar.
Que desde a máis gobernamental televisión de Europa, se tratase de forzar a expulsión de Israel do casposo festival de Eurovisión, é patético
Neste contexto, a manipulación da natural empatía humana co que máis sofre é un perigo tóxico que nos leva a ridículos en Occidente. Que desde un goberno, se promova o boicot á propia volta ciclista do país, é algo inenarrable. Que desde a máis gobernamental televisión de Europa, se tratase de forzar a expulsión de Israel do casposo festival de Eurovisión, é patético. A comparativa co caso ruso, nin se dá enunciado polas disimilitudes dos casos. E que se intente esa expulsión no único momento desde hai décadas en que se pode albiscar un pouco de luz ao fondo do túnel, co apoio do mundo árabe e occidental, é radicalmente ridículo.
Na trangallada eurovisiva -co meu respecto persoal, que non estético, para os frikis eurofáns- sempre houbo moita política, por descontado. Lembro como rían os que o retransmitían apostando para quen ían ir os votos polas afinidades de países.... Azerbaixan vota a Turquía, Chipre a Grecia, Portugal a España, Austría a Alemaña, Lituania a Finlandia... E que como expresión de rabia pola derrota en Europa, o goberno decida retirar o país do festival, entra de cheo na nubes de fume que se queren esparexer para ternos entretidos. Pobres eurofáns. A miña simpatía para eles coa lembranza da nenez cando todos o víamos ilusionados. Terán que volver por Portugal.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Afonso Vázquez-Monxardín
Spain, zero points
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
Un soño recorrente
Xosé González Martínez
Interpretación da cooficialidade lingüística
¡ES UN ANUNCIO!
Concha la Chosca
Lo último
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, sábado 6 de diciembre?
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este sábado, 6 de diciembre, en Ourense
PODCAST Y VÍDEO
EL PRIMER CAFÉ | Sábado, 6 de diciembre