Sueños en Oslo

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 28 nov 2025 - 06:10
Sueños en Oslo
Sueños en Oslo

Historicamente o cinema noruegués sempre tivo menos relevancia con respecto as cinematografías dos países veciños como Suecia, Finlandia ou Dinamarca. Pero nos últimos trinta anos un puñado de cineastas e produtores deixaron a súa pegada no panorama do cinema europeo contemporáneo. As obras de Bent Hamer, Erik Poppe, Hans Petter-Moland, Petter Naess ou Joachim Trier, xa aparecen programadas habitualmente nos máis grandes festivais internacionais e atopan un oco na distribución en moitos países do mundo, España incluída. E na espera de que chegue ás salas de cinema o novo traballo do galardoado cineasta de La peor persona del mundo, Joachim Trier – chegará a España o 5 de decembro – dende hai unha semana podemos disfrutar doutra película norueguesa, neste caso da premiada co Oso de Oro no último Festival de Berlín: Sueños en Oslo. O cineasta Dag Johan Haugerud pecha así unha triloxía sobre o desexo e o amor empezada no 2023. Sueños en Oslo segue a Johanne, unha moza de dezasete anos que se namora perdidamente da súa profesora de francés. Desexando preservar os seus sentimentos, Johanne conxela as súas emocións por escrito. Cando a súa familia le as súas reflexións, ao principio reacciona con sorpresa ante o seu contido íntimo, pero pronto queda cativada polas súas calidades literarias…

Sueños en Oslo transita polas estacións do amor dunha adolescente

O cineasta noruegués devolve á pantalla o espírito de Eric Romher, e o seu cine cargado de sentimentos e misterio. Sueños en Oslo é un filme minimalista que pode recordar, pola narrativa transparente e cargada de significado – e as referencias literarias – non só ao cineasta francés da nouvelle vague. Ten a cifra estilística de certo cine oriental, sobre todo lembra a obra máis intimista de Kogonada ou á mirada de Hong Sang-soo.

Sueños en Oslo transita polas estacións do amor dunha adolescente. Faino utilizando a luz natural e recorrendo con frecuencia á voz en off para explícitar os pensamentos da protagonista. Pero na súa aparente transparencia e sinxeleza, abre reflexións moi profundas sobre o consentimento e pon diante do espectador diferentes perspectivas sobre o amor e o desexo. Ao igual Sueños en Oslo é un filme sobre a creación artística e os seus límites dentro do persoal e a privacidade, nun ideal de liberdade fronte á realidade.

Todos os protagonistas do último filme de Haugerud forman parte do microuniverso do primeiro mundo. Os seus dramas nunca chegan a acariciar o tráxico, pero non por isto non deixan de ser auténticos. Tampouco o ton livián da narración vira precisamente nunha dirección excesivamente dramática e todo acaba resultando un coming of age bastante parecido ao unha tenra carta de amor dun adolescente.

Se vos gusta a mirada atípica do cineasta noruegués, podedes recuperar as anteriores películas da triloxía, Sex e Amor en Oslo: están dispoñibles na plataforma dixital de Filmin.

Contenido patrocinado

stats