Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
La lotería electoral
A estas alturas resulta máis que evidente a obsesión da clase política por privilexiar a visibilidade e a teatralidade sobre a mensaxe e a súa substancia. Como xa anticipara a finais da década de 1990 Giovanni Sartori, asistimos á transformación do homo sapiens, produto da cultura escrita, nun homo videns para quen a palabra foi destronada pola imaxe. Sen ningún outro valor engadido, persoeiros do PP, PSdeG, BNG e DO contribúen a unha inédita inflación de publicacións cuxo único obxecto é significar onde están, con quen se atopan, un estado de ánimo ou mesmo o bos, intelixentes e marabillosos que son por xantar este, ler aquelo ou coincidir no espazo-tempo con determinado fulano.
Non importa a relevancia da mensaxe, senón a capacidade para xerar ruído e expectación, sendo a principal ocupación laboral do rexedor a de administrar o espectáculo
“A primacía do visible sobre o intelixible lévanos a un ver sen entender”, alertaba o politólogo italiano. En traballos como La sociedad del cansancio e Psicopolítica, Byung-Chul Han ven a complementar esta visión subliñando até que punto a política deveu unha “performance perpetua” onde “todo se volve parte dun espectáculo xeral”. Exemplo paradigmático desta deriva na política ourensá témonolo na figura do alcalde. Co seu baño mediático nas termas municipais a carón da concelleira ou os seus disfraces de súper heroe no Entroido, Pérez Jácome exemplifica o que Sartori denominaba “vídeo-política”. Non importa a relevancia da mensaxe, senón a capacidade para xerar ruído e expectación, sendo a principal ocupación laboral do rexedor a de administrar o espectáculo.
Esta dinámica non é exclusiva de Jácome, senón que da conta dun problema sistémico da política, tamén da ourensá. Na cidade que segue a rexerse polo Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1986 -conformándose coma un dos máis obsoletos de España- os políticos concéntranse na teatralidade mediática. Non me cansarei de insistir na urxencia de contar con referentes capaces de aportar o seu proxecto de urbe e traballar para facer de Ourense o modelo que ten que ser, a saber, unha cidade que exerza de auténtico motor de desenvolvemento económico e social para a provincia. No canto de abordar os desafíos estruturais a partir dos importantes activos ao noso dispor, a clase política enléase no ruído de polémicas estériles. Conducir a Ourense cara o século XXI require dun liderado real, non espectáculo.
Noutra vida, durante os meus anos como correspondente internacional tiven a oportunidade de observar como operaban algúns dos mandatarios máis efectivos do planeta. Non conservo apenas fotografías daqueles encontros porque aproveitei cada momento para escoitar e comprender, xa que a teima contemporánea polo selfie como validación política sinxelamente non existía. Aos meus alumnos de comunicación política sempre lles lembro a campaña de Alberto Fujimori en 1990: cun orzamento de pouco máis de 10.000 dólares conseguiu derrotar a Mario Vargas Llosa, que dispoñía de millóns para campañas visuais a gran escala. Fujimori acudía no seu Volkswagen Escaravello, anunciaba os eventos cun altofalante e logo establecía coa xente un diálogo, que non un monólogo. A diferenza dos populistas actuais, entendía que a comunicación política require dunha conexión directa e sen artificios coas preocupacións cidadás.
Retomando ao filósofo surcoreano, Han analiza como a perda da distancia e privacidade fixo que todo se convertese en actuación. Esta diagnose aplícase á política contemporánea, onde a fragmentación da atención e a lóxica algorítmica das plataformas dixitais favorecen o sensacionalismo fronte ao rigor. O informe de Ipsos 2025 revela que o 76% considera o sistema político “roto” e o 61% cre a sociedade “quebrada”. A sobreprodución de contidos superficiais non informa mellor á cidadanía; ao contrario, confúndea máis. Explica Patricia Rojas de Ipsos que esta frustración é “resultado de moitos anos de promesas incumpridas e discursos baleiros”. A responsabilidade dos políticos é ofrecer referentes serios e de garantías que reconecten coa cidadanía. A alternativa é a desafección, outro motor fundamental que leva o populismo ao poder.
É urxente recuperar a política con maiúsculas para Ourense e para toda Galicia. Isto require perfís cualificados e capaces, que entenden que o liderado político consiste en xerar confianza a través da competencia demostrada, non por acumular likes nas redes. A verdadeira comunicación política debe aspirar a elevar o debate público, a explicar proxectos sólidos que converten as cidades en referentes de desenvolvemento e progreso. Mentres os nosos representantes sigan obsesionados cos índices de interacción, etiquetado das publicacións e posicionamento viral, reproduciremos o tipo de liderado oco que alimenta o descrédito democrático. Ourense ten o potencial para ser un referente, pero tal escenario require de políticos que gobernen con competencia e visión estratéxica, non bufóns e mediocres secundarios que confunden notoriedade con liderado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
La lotería electoral
LA OPINIÓN
El día que Jesús Gil fue inocente
Jorge Vázquez
Por qué el éxito de 2026 no se construye trabajando estos días
José Luis Gómez
CUENTA DE RESULTADOS
¿Podrán pagarse las pensiones?
Lo último