O teatro de Xavier Prado Lameiro e a Coral De Ruada

TRIBUNA

Publicado: 03 abr 2026 - 01:10
Actores participantes na representación de “N’a corredoira” por De Ruada.
Actores participantes na representación de “N’a corredoira” por De Ruada. | C.D.R.

A Coral De Ruada recuperou a actividade teatral en 2017, uns setenta anos despois de abandonar esta faceta artística que promovera nos seus inicios en 1918 -simultaneamente co coro, co grupo instrumental e co grupo de baile- da man do celebrado autor teatral e co-fundador de De Ruada Xavier Prado Rodríguez, alcumado Lameiro. Nesta nova andaina, a Coral determinou que o grupo de teatro debería levar o nome de Xavier Prado Lameiro en lembranza do fundador. Dende entón participa anualmente nas cerimonias de entrega do Premio Xavier Prado Lameiro con obras do citado autor e tamén ten actuado en varias localidades da provincia con estas mesmas obras. O grupo de teatro está dirixido por César Francisco González Fernández e forman parte do mesmo unha ducia de ruadistas, dos que case todos tamén cantan na Coral. O repertorio acumulado nestes nove anos abrangue pequenas pezas teatrais e obras de maior envergadura: Costume ribeirá, Coitados!, Pragas d’o agro, O falar é parola, O cego da Xestosa, N’a corredoira e Todo ten goberno. Convén resaltar a representación en 2019 -co gallo do centenario de De Ruada- da obra A retirada de Napoleón no Teatro Principal de Ourense en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramático de Vigo e coa participación de toda a Coral co seu grupo instrumental e tamén do grupo de baile de Rebulir.

O teatro de Prado Lameiro tivo, no seu momento, un éxito extraordinario. Como relataba a revista Nós: Onde queira que un agrupamento d’afeizoados á escena quería facer algo de teatro galego, o primeiro que buscaba era decote unha obra de Lameiro. Por outra banda, Vicente Risco opinaba que Javier Prado fue una de las figuras relevantes de la literatura regional, a la vez que una de las más valiosas y de las más celebradas. Para muchos fue él quien presentó la más auténtica vena enxebre, el que poseía el verdadero sabor de la lengua y del espíritu de Galicia... O secreto deste éxito atopábase, seguramente, na sinxeleza dos temas expostos, fáciles de entender por todo tipo de público e doados de levar a escena por grupos de afeccionados; na retranca; na crítica mordaz a caciques, cuneros, carrexavotos e, sobre todo, na utilización dunha lingua galega moi rica e moi próxima ao pobo, rural de xeito maioritario naquela altura. Non esquezamos que Xavier Prado era veterinario de profesión.

É certo que a sociedade cambiou moito dende entón e que o teatro evolucionou nas últimas décadas en tódolos aspectos, podendo parecer que non ten moito sentido o noso empeño en recuperar, a estas alturas, o teatro de Prado Lameiro. Nós mesmos tivemos dúbidas ao respecto, pero puido máis o amor á nosa tradición, o agradecemento e respecto aos nosos fundadores e o convencemento de que a retranca e a crítica social do teatro de Prado Lameiro aínda están hoxe vixentes: caciques, cuneros e carrexavotos seguen sendo actualidade máis de cen anos despois. Hai uns días tivemos unha boa proba da aceptación da nosa proposta teatral ao representar N’a corredoira no salón nobre do Liceo de Ourense, que se encheu para a ocasión. Os sorrisos e mesmo as gargalladas dos asistentes ao longo da representación e os calorosos aplausos ao remate foron a mellor mostra da satisfacción do público e a meirande recompensa para os membros do grupo de teatro e de toda a Coral.

En De Ruada non queremos que estas representacións se queden soamente na nosa cidade, senón que nos gustaría que chegaran a tódolos pobos da provincia e mesmo de todo o país, como ocorreu na primeira metade do pasado século. Para iso ofrecémonos gustosamente a levar o teatro de Prado Lameiro a aqueles pobos que nolo soliciten, dentro das nosas posibilidades. Por outra banda, dentro duns meses, temos programada a gravación das obras N’a corredoira e Todo ten goberno para seren espalladas libremente polas plataformas on line. Hai que ir cos tempos...

Contenido patrocinado

stats