Temos que facer por enganar a Azrael

A TRIRITA

Publicado: 27 jun 2026 - 02:50
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | José Paz

Hai unha semana, ou cousa así, din en ler nun xornal madrileño unha entrevista feita a unha rabina xudía. A rabina é francesa, chámase Delphine Horvilleur. Tamén é nova, cando menos contemplada dende a provecta idade que eu calzo ó día da data. A entrevista, non recordo o nome de quen lla fixo, interesoume moito; tanto que saín zumbando a ese luxo de librería que teño a un par de quilómetros da casa. Regresei con tres libros dela, a saber: “Como hablar de la muerte a los niños”, o primeiro; “Madres, hijos y rabinos”, o segundo, e “Vivir con nuestros muertos”, o terceiro deles. Editounos Libros del Asteroide, esa editora que emite ben máis luz ca un planeta; cousas que pasan. E pasan máis a miúdo do que se pensa; porén imos deixar aí tema tan luminoso. Comecei a lectura polo derradeiro dos tres libros citados; pra min, o máis interesante dos tres. Voulles falar algo del. Cóntanos a rabina, pois os xudeus sonlles moi dados a contar historias, que a morte pode perseguirnos, pode acosarnos e non nos deixar tranquilos; cando menos na tradición xudía élles así, porén cabe mandala ir fritir gárgaras ou darlle o esquinazo.

Moitas desas lendas, según nos di a rabina, afirman que hai un anxo que visita as nosas casas e camiña polas nosas aldeas e cidades; tal elemento élles o anxo da morte e seica se chama Azrael. Ó parecer anda ceibo, brandindo espada (que dou por feito que é flamíxera) mentres anda á busca de quen ha levar canda el.

Loxicamente, Delphine Horvilleur, advirte que se trata dunha superstición, pero dunha superstición que, como todas as demais, da pé a que a xente veña intentar conxurar a presenza de Azrael. Como? Pois verán: cando enferma algún membro dunha familia o inmediato é cambiarlle o seu nome. Altéraselle a identidade pola que é coñecido e, coido eu, debe figurar asi no rexistro dos anxos da morte. No diálogo que se produce, cando Azrael peta na porta da casa e di que ven na busca de Fulano, respóndeselle que alí non vive ninguén así chamado, co que o tal Azrael ten que marcharse co rabo entre as pernas. Isto do rabo entre as pernas élles cousa miña, o resto anterior élles da colleita de madame Rabina.

Non sei que diría disto don Vicente Risco. Eu tiña un libro seu sobre os diaños. Risco era un gran coñecedor do tema. Pero tal libro xa non o teño, quedóuseme nunha librería que eu tiña nun dos meus domicilios abandonados. Se tivera o libro divagaría a conta del e de Azrael. Haberá alguén que o reedite? Sería bo que o fixese. Ó millor atopábamos nel algúns xeitos de enganar ó maligno.

Dígoo porque algún maligno, algún colega de Azrael ou varios deles deben andar ceibos polo país adiante e así está pasando o que está pasando; que diría aquel vello deputado do Parlamento de Galicia, chamado Manuel Iglesias Corral, que fora fiscal xeral da República e sabía a mar de cousas deste tipo; magoa que xa morreu hai anos, o bo de don Manuel, porque era como pra preguntarlle, en ausencia de Risco, se andará algún diaño ceibo pola paisaxe política española, un ou varios, a saber.

Dígoo porque sería bo sabelo: poderiamos ver de cambiarlle os nomes a algúns políticos e deixarlles os seus a outros deses que levan dentro deles tanto veleno, tanto, como pra forzar o deterioro da necesaria convivencia entre os politicamente opostos, hoxe (afortunadamente) senón mortos, xa moribundos e con eles o resto dunha cidadanía farta de exemplos ó respecto. Que nomes deberíamos ir pensando en cambiar? Deberiamos resucitar algúns xa case esquecidos? Bótenlle unha pensada.

Este país carece de centro político; en consecuencia, está descentrado por completo e, onde non hai un centro de encontro, non pode haber diálogo, se non hai dialogo non pode haber negociación e, se non hai negociación, non hai pacto. E necesitase un consenso, non entre a dereita e a extrema dereita, non entre a esquerda e a extrema esquerda, senón entre a esquerda e a dereita, se queremos que a convivencia volva ser a que foi e o foi dun xeito exemplar e transcendente.

Contenido patrocinado

stats