Tempo de berros e insultos

Publicado: 09 sep 2026 - 01:05
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Dende hai case sete anos vivimos nun tempo onde os berros e insultos normalizáronse. Xa son norma non escrita que campa nunha parte da sociedade e que incluso é seguida polos máis novos que berran seguindo consignas das que nun futuro terán que arrepentirse. Todo comezou con aquil “me gusta la fruta”, pero que na realidade era “hijo de puta”, dirixido ó presidente do Goberno. A banalidade e os instintos máis primarios agochan e arredan á reflexión do que logo debe expresarse.

Agora resulta que a culpa de todos os grandes problemas do Estado é dunha única persoa. Os partidos da oposición non fan propostas diante os grandes asuntos que reclaman unha solución, por exemplo o tema da vivenda. Todo o mundo sabe que hoxe acceder a unha vivenda é realmente case imposibel, sobor de todo para os máis novos. Mais tamén todos os cidadáns deberían saber que as competencias de vivenda están cedidas ás Comunidades Autónomas. E que os concellos tamén teñen a súa parte de responsabilidade, pois poden ofertar solo máis barato, cousa que non fan. Mais cal é a realidade: o primeiro problema é que non se constrúe vivenda pública. E cal é a razón da que non se fala claramente por parte da oposición? Pois é que non interesa facer vivenda desa e tampouco se quere intervir no mercado. Ou sexa: que a lei da oferta e a demanda é a que debe seguir campando nesta cuestión, polo que non se pode permitir a intervención do Estado neste asunto tan importante.

Moita prensa axuda a que o insulto e a mentira corra e se esaxere, para que se estenda máis sen que a racionalidade e o sentido común teñen un espazo para o sosego.

Outra cuestión que hoxe está ó día é o da invasión da cidade de Ceuta. Neste asunto a oposición di que solucionaría o problema axiña, máis non di como. Tampouco se fala da controvertida, e eu penso que errada, sentenza do Supremo que foi a orixe deste conflito. E se algo se di é contando moitas mentiras. Moita prensa axuda a que o insulto e a mentira corra e se esaxere, para que se estenda máis sen que a racionalidade e o sentido común teñen un espazo para o sosego.

Cada xornada que pasa son moitos os que, retorcendo a realidade, segundo comenencia electoral, fabrican intrigas e se deixan levar por cantos de serea que axudan a que circule o bulo e a mentira máis burda. Unha trola repetida mil veces semella unha verdade. Mal camiño leva a sociedade occidental. Triste horizonte se outea, aínda que as masas enlouquecidas non vexan que logo elas serán as que sufrirán máis chegado o momento de que aterren no poder eses apóstolos da liberdade, ou mellor: da súa única liberdade.

Hai uns días, un bispo, creo que o de Oviedo, afirmaba que estamos preto dunha nova “reconquista”. E eu pregunto: reconquista de que? A de mirar unicamente ó nacional catolicismo? Un refrán moi galego di: a cabra cando ten vicio dá cos cornos no cu. Eses rapaces que falan da ditadura sen vivila; si, a todos eses que din que hoxe temos un réxime comunista e que quen goberna é un autócrata, pasado o tempo desta tolemia, pasada a treboada tragarán con dolor o que hoxe berran.

Cando nun Estado non se fan propostas e non se contrastan, cando nun país soamente se berra e se insulta, a razón perde espazo e todos saímos perdendo. Nun tempo, cando chegou a democracia nos anos setenta do século pasado, eu, como moitos pensamos, inxenuos de nós, que con ela chegaría máis cultura, máis tolerancia e sobor de todo máis irmandade. Mais vexo que non. Moito mudaron as cousas desde eses anos. Pero, para todos eses que din que estamos peor, recoméndolle que falen cos seu avós e pais e lles conten as estreiteces que se pasaban naqueles anos escuros da ditadura onde a censura que soportaban pesaba sobre eles; onde as corruptelas que había, a emigración forzada e famenta cara América e Europa, moita sen papeis, e quen daba os informes de persoas nos pobos e aldeas estaban na man dos curas e os adeptos ó réxime, e así poderán empezar a falar do que foi e é unha ditadura.

E se o fan despois poderán berrar con máis autoridade e valorar o presente actual que, con moitos defectos que haberá que corrixir, segue a ser admirado por moitos países do mundo. En fin, nada bo augura un tempo de berros e insultos. Por tanto, fuxamos desas formas e discutamos con racionalidade entendendo que o adversario non é o inimigo.

Contenido patrocinado

stats