Tempos avoltos

Publicado: 26 sep 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Churchill, coa súa famosa frase “a democracia é o peor sistema de goberno, excluídos todos os demais”, quería pór o ollo no mimo preciso co sistema, pois non existía alternativa. E sabíao ben porque liderou Gran Bretaña sen descanso nos tempos da II Guerra Mundial e foi quen primeiro se decatou da división do mundo posterior, e dixo en 1946 aquilo de que “un pano de aceiro caeu sobre Europa”. E soubo da ingratitude da democracia cando perdeu as primeiras eleccións despois da vitoria na guerra.

Como sabemos, este sistema de goberno colectivo é cousa que ten que ver moito con cómputos matemáticos máis ou menos complicados en función do país. Por isto o escritor arxentino non nobel, Jorge Luís Borges, manifestaba retranqueiro que “a democracia é un curioso abuso da estadística”. E si. Os escritores, en tanto tales, deben ser considerados en exclusiva polo que escriban, non polas súas opinións políticas. Nin o período azul de Cunqueiro ou de Risco desmerecen a súa literatura, nin as odas a Stalin de Pablo Neruda ou Rafael Alberti, (“Padre y maestro, luz de nuestra vida./ Stalin, camarada, hermano, amigo...”, dicía este último) a deles. O mesmo acontece cos futbolistas, ou calquera outra profesión.

E que terán de pegañento o diñeiro, as xoias e o poder para sobreporse á vontade de compromiso e servizo co conxunto social do que se procede?

En fin, citeilles a derrota de Alemaña en 1945 e moitos desacóuganse hoxe co triunfo en Sajonia Alhalt e noutros lugares da vella zona comunista do partido Alternativa para Alemaña (Alternative fur Deuchland), xenófobo e de extrema dereita. E o que máis me chama a atención é que en vez de analizar as causas (como boto de menos “La Clave” de Balbín!) só se espallan temores e insultos. Volvéronse tolos os alemáns coa AfD? Volvéronse tolos os austríacos coa FPÖ? Os italianos con Georgia Meloni? Os arxentinos con Milei? Os salvadoreños con Bukele? Os noreamericanos con Trump? Os franceses, cando escollan a vindeira primavera a Marie Le Pen, tamén será cousa de psiquiatras? Pois non señores. Hai que sentarse e pensar un pouco. Falar. Analizar. Reflexionar. E empezar pola autocrítica. Nos Evanxeos, en San Lucas (18:10), hai os antecedentes da oración do pecador (“Eu pecador confésome ante Deus todopoderoso”...). No texto, un fariseo gabábase da súa perfección moral e daba grazas a Deus por non ser coma os outros. Outra persoa, golpeábase no peito e pedía compaixón divina por ser pecador, e Xesús Cristo indicoulles aos que o escoitaban que sería preferido o segundo pois “calquera que se enaltece será humillado e o que se humilla será enaltecido”. Algo parecido foi preconizado por Vladímir Ilich Uliánov, Lenin para os amigos. Falando da autocrítica, sinalaba “admitindo francamente un erro, pescudando as súas razóns, analizando as circunstancias que o orixinaron e discutindo a fondo os medios para corrixilo... esa é a marca dun partido serio”. Ou sexa que debemos ter certa distancia coas nosas propias conviccións para que nos permitan analizar mellor o mundo.

Pois parece que nos cómpre un pouco, a escoller, de cristianismo ou de leninismo, pois cando unha sociedade está tan tensa como a española de hoxe, cando as posturas máis centradas aparecen varridas polos extremismos que abeiran os consensos sociais con que nos levamos rexendo as mellores décadas da vida deste país, algo mal fixemos os que non estamos en posturas extremas para sermos menos atractivos que o exabrupto e a radicalización. E que terán de pegañento o diñeiro, as xoias e o poder para sobreporse á vontade de compromiso e servizo co conxunto social do que se procede? Ao meu ver, o despiste da hiperbólica esquerda populista, empeñada na culpabilización dos sociedades propias en vez de recoñecelas como os berces dos avances, abre a porta aos extremismos. En fin. Podo estar enganado, claro. Pero sobre todo hai que reflexionar, abertos, sempre, ao propio erro.

Contenido patrocinado

stats