Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
PENSAR POR PENSAR
O coñecemento da sentenza contra Álvaro García Ortiz, Fiscal Xeral do Estado, no aniversario da morte de Franco pilloume camiño de Extremadura para asistir ás “IV Xornadas sobre o Tribunal da Inquisición de Llerena” sobre os xudeoconversos. A longa represión político-relixiosa de semellante organización foi para min un dos períodos da nosa historia realmente interesante por canto significou na vida cotiá e por canto definiron o medo á administración da Xustiza, non só para os nosos antepasados senón tamén pola súa proxección ata a España actual. Coa idea de escribir unha historia coa Inquisición en activo lin non se cantos procesos contra presuntos herexes, iluminados, xudaizantes, bruxas, moriscos, protestantes, erasmistas… En todos eles, máis do 99% dos estudados polos expertos, o obxectivo non era outro que condenar ao reo, roubar o seu patrimonio en beneficio da sinistra organización e privalo dos seus cargos. Sen outras probas que a simple delación por envexas, intereses ideolóxicos, económicos ou de sementar o terror. Si, o Tribunal do Santo Oficio da Inquisición instituíu o medo á administración da Xustiza e ás súas impunes prácticas durante máis de tres séculos e medio. Unhas actitudes que imprimiron un forte carácter na nosa sociedade.
Corrían mediados os anos setenta. Antonte mesmo. Por todo iso, durante o proceso contra Álvaro García Ortiz, Fiscal Xeral do Estado, non puiden evitar a resurrección dos procesos inquisitoriais
A Inquisición foi definitivamente abolida en 1834 deixando tras de si máis de 30.000 condenas estudadas e un regueiro de pantomimas xudiciais nas que os inquisidores eran xuíces acusadores e parte. Aparecía a figura do fiscal, pero a súa función limitábase a manter a ficción dun proceso que enfrontaba a dúas partes. En realidade, o fiscal era un inquisidor como os demais, salvo que non participaba na votación da sentenza. Polo xeral os resultados estaban decididos antes das vistas e a sociedade víase obrigada a aceptalos por mor da submisión ou o medo. Isto sucedeu ata antonte. Daquela a restauración borbónica non mellorou o obsoleto sistema de xustiza civil e a ditadura de Franco volveuna a reconverter nun instrumento de represión ao servizo do réxime. Quen pretendía escribir á procura da verdade ou simplemente da xustiza faciámolo con medo e “entre liñas” co censor na mesa contigua (reconvertido pola Lei Fraga en corrector) e co Código Penal, que tipificaba como delito a falta de respecto aos Principios Fundamentais do Movemento Nacional, pendendo sobre as nosas cabezas. Todos gardamos nos nosos diarios casos pre democráticos ou da transición nos que compañeiros, como foi o caso de Federico Puigdeval, condenados por publicar reportaxes ou artigos “ofensivos para a moral dalgún xuíz”. A Fede de El Pueblo Gallego caéronlle unha chea de anos de inhabilitación e unha multa insoportable por publicar unha reportaxe sobre un espectáculo de travestís.
Corrían mediados os anos setenta. Antonte mesmo. Por todo iso, durante o proceso contra Álvaro García Ortiz, Fiscal Xeral do Estado, non puiden evitar a resurrección dos procesos inquisitoriais, no que a sentenza xa estaba decidida sen máis probas que os bulos, a negación da verdade dos xornalistas asistentes como testemuñas, o crédito ao teatriño do noivo e do xefe de gabinete de Díaz Ayuso. E de novo non puiden evitar o temor á Xustiza ao sentarme a escribir este artigo mentres que están a aparecer conexións de intereses entre algúns membros do tribunal e as acusacións, as políticas conservadoras e a anella manipulación da administración xudicial. Exercer a política coa espada da Xustiza vai contra a democracia. Mal asunto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Lembranzas de Otero Pedrayo no centenario da Guía de Galicia
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Blas de Lezo
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
El récord Guinness que espera en Lugo
Lo último
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 4 de febrero
PARA RESCATE Y EVACUACIÓN
La UME despliega 250 militares y 90 vehículos especializados en Huelva, Cádiz y Granada ante el temporal