A tiranía do bufón

Publicado: 02 abr 2026 - 01:10
A tiranía do bufón.
A tiranía do bufón. | JOSÉ PAZ

Ourense é a terceira cidade de Galicia en poboación, cun potencial termal único en Europa, patrimonio histórico de primeiro nivel e capital humano que a sitúa moi por riba doutras capitais de provincia. Por condicións obxectivas, nada debería lastrar unha xestión municipal sólida e dispor duns servizos á altura do seu potencial. Obras paralizadas sen data de termino, servizos estruturantes en precario, desleixo e deterioro por norma, orzamentos sempre a destempo, incapacidade para asumir pagamentos e sentenzas xudiciais incumpridas configuran máis que un cadro de incompetencia acumulada. Dan conta dun sistema de goberno que se nutre da confusión, da ocultación e do conflito permanente para sobrevivir sen render contas. Este artigo tenta delimitar ese sistema, non para facer do alcaldiño o protagonista da análise, senón para ver de comprender por que Ourense non avanza.

As contas do 2024 foron aprobadas en marzo de 2026, con quince meses de retraso. O Concello executou o 47% do orzamento dispoñible e apenas o 23% das partidas de investimento, mentres 30 millóns de euros se acumulaban nun caixón contable de obrigas sen tramitar. Os 3.500 contedores prometidos para agosto de 2023 remataron cunha adxudicación anulada polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia. A avenida de Portugal leva paralizada desde que a empresa adxudicataria entrou en preconcurso de acredores, sen que o desgoberno municipal se comprometa cunha data. No entanto, Pena Trevinca permanece como ferida aberta no tecido urbano sen medidas paliativas para comercios damnificados. A cada revés segue, con puntualidade mecánica, a promesa que despraza a responsabilidade cara ao futuro. A provisionalidade é método de goberno.

A opacidade non é un déficit burocrático. É o cerne da inacción municipal. Non existe avaliación independente das políticas nin estudos externos que permitan contrastar as afirmacións do rexedor. Os proxectos anúncianse con números grandilocuentes e prazos que se incumpren sen control nin seguimento ulterior. Hallin e Mancini identificaron como trazo estrutural dos países do sur de Europa, España incluída, o paralelismo político elevado, penetrando a lóxica partidaria o espazo informativo. Quen manda constrúe o seu propio universo de fitos, suxeitos, marcos e cifras escolleitas, sen trazabilidade nin rigor. En Ourense ese patrón ten unha expresión ben requintada nun ecosistema comunicativo de televisión afín, plataformas institucionais instrumentalizadas e redes sociais que amplifica o discurso do alcaldiño e neutraliza calquera referencia externa que o contraste.

Platón esixía do gobernante sabedoría e xustiza, advertindo que a democracia era o réxime máis propenso a dexenerar en despotismo

En febreiro, o Tribunal Supremo ratificou a condena ó Concello de PérezJácome por acoso laboral á xefa da Policía Local, cargando 30.000 euros aos contribuíntes. No mesmo período foi firme outro fallo por vulneración de dereitos fundamentais dunha concelleira da oposición, e o alcaldiño permanece investigado por presunta apropiación indebida de fondos. A resposta a cada sentenza reproduce o mesmo esquema: quen erra convértese en vítima, quen condena en verdugo e quen cuestiona en conspirador. Non é incapacidade para resolver, senón negativa a facelo, ausencia de escoita e de empatía como posición política intencional. Luciana Peker denomina odiocracia este sistema, no que o poder dedícase a fabricar inimigos no canto de xestionar. Os tribunais deixan de ser árbitros, a oposición pasa de adversaria a traidora e calquera demanda cidadá acada o grao de agresión persoal ao gobernante.

A personalización extrema non é un trazo de carácter. É o mecanismo que reduce unha administración con capacidade real a un espectáculo arredor da figura do rexedor. Cando o desgoberno local se contrae até a vontade dun único individuo sen programa nin visión de futuro, toda discusión sobre Ourense acaba sendo, inevitablemente, unha discusión sobre el. Christian Salmon describe en “La tyrannie des bouffons” un modelo cuxa lexitimidade non repousa na racionalidade nin na capacidade de acadar obxectivos, senón na transgresión, na bufonada permanente e no descrédito das institucións. No actual contexto mundial hai actores, de Elon Musk cara abaixo, con proxectos explícitos de medio e longo prazo para substituír as institucións liberais por estruturas sen fiscalización nin control cidadán. Ao seu nivel, Pérez-Jácome afonda nesta vía.

Platón esixía do gobernante sabedoría e xustiza, advertindo que a democracia era o réxime máis propenso a dexenerar en despotismo, seducida polo demagogo que sobre falsas promesas terminaba por concentrar un poder sen límites. Maquiavelo rebaixou moito o estándar fincando que o príncipe non precisaba ser fiel nin íntegro, e que abondaba con parecelo. O poder grotesco que Salmon diagnostica prescinde ata das aparencias e fai da incompetencia exhibida unha forma de adhesión popular. A polarización que tal lóxica xera non é subproduto do modelo senón o seu cimento. Cando a veciñanza debate sobre o rexedor e non sobre a cidade, todo funciona exactamente como foi programado. As políticas públicas a calquera nivel da administración son complexas por definición, esixen diagnóstico rigoroso, desenvolvemento metódico por fases, escenarios de continxencia e avaliación externa, non conclusións de cuñado. Entender a tiranía do bufón é o comezo.

Contenido patrocinado

stats