Fernando Jáuregui
Agua, fuego (y un poco de tierra)
Cumpríronse neste pasado mes de Nadal os cincocentos anos redondos desde que os primeiros franciscanos viñeran ocupar o convento do Bon Xesús de Trandeiras, só tres anos despois de terse comezado as obras de tan singular edificio. A efeméride tería sido unha excelente oportunidade para reivindicar a importancia da mellor representación da arquitectura histórica da Limia, e unha das máis dignas manifestacións dese momento artístico de transición entre o Gótico e o Renacemento que tan profusamente floreou en Portugal e tan escasos exemplos deixou en Galicia.
Unha vez máis semella que inxustamente nos avergoñásemos do noso monumento, e digo noso porque non esquezamos que agás a igrexa, son propiedade do concello de Xinzo tanto o resto de edificios como a finca que o rodea con importante valor natural pola recuperación arbórea dende unha sucesión ecolóxica ás veces mal xestionada e un maxistral aproveitamento da auga; se cadra amólanos que siga entre a ducia de inmobles que na provincia de Ourense forman parte da “Lista vermella de Hispania Nostra”, a prestixiosa institución que ten por finalidade a defensa do patrimonio cultural e natural, e inclúe nesa relación aos que están en moi grave perigo.
Iniciouse no 1520 , non sen controversia, mercé ao labor de mecenas de Alonso de Piña, prior de Xunqueira, pasada xa a época de esplendor dos grandes mosteiros galegos, e tres décadas despois o licenciado Molina refírese en verso á súa modestia: “Un monasterio no grande ni altivo / cercado de aguas que es mar en invierno / es Buen Jesú edificio moderno / fue hecho en milagro por esso lo escrivo”.
Incendiouse o día de Nadal de 1669, arruinouse unha parte en 1685, serviu para recluír ao bispo de Blois entre 1804 e 1808, os soldados franceses causaron moitos estragos e mataron a sete frades na invasión de 1809. O día de San Brais de 1813 incendiouse novamente, e no 1821 volveu ser unha especie de cárcere para relixiosos onde estivo o cóengo J.M.Bedoya que se refería a Trandeiras como “el más desierto, destruido e incómodo de toda la provincia, que parece buscado a propósito para mortificarme”.
Coa desamortización de Mendizábal en 1836 pasou a mans do Estado e posteriormente foi propiedade privada, deteriorándose progresivamente mesmo coa ameaza de desmontar e trasladar o claustro, ata que en 1990 foi adquirido polo concello de Xinzo. Pasaron dende aquela máis de tres décadas sen que se lle atopase encadre axeitado e coa intención de frear o avance da ruína estanse realizando neste momento obras financiadas principalmente pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, nas que a escavación arqueolóxica aportou gratas sorpresas. Contarédesme se ese historial de malandanzas non xustifica a linguaxe case carceraria do título do artigo.
Varias asociacións ligadas á cultura limiá: o Centro de Cultura Popular do Limia, o Padroado do Museo da Limia, o Grupo de Estudios Históricos Pedro González de Ulloa, a Sociedade Galega de Historia Natural-Sección Antela e o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela non querían deixar pasar a efeméride, organizando actos nos que participarán entre outros o historiador Alexander de los Ríos, que ven de traballar no informe para a declaración de Ben de Interese Cultural do conxunto, e o arqueólogo responsable das recentes escavacións, Celso Rodríguez Cao.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Centeneres de asistentes
El pimiento de Arnoia se erige en imán del turismo gastronómico
La Región
Longeva rebelde
ESPACIOS PÚBLICOS
Alumnos del obradoiro dual ya hacen prácticas en O Carballiño