Tres temas que non interesan

Publicado: 14 mar 2026 - 00:50
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Hai unha sección pequerrecha no programa de Alsina, na radio, a iso das sete da mañá, moi curiosa. Titúlase “Noticias que no interesan a nadie”. E cando me cadra, préstolle certa atención por riba do ruído do microondas quecendo o leite. E si, certamente, a información está encarreirada cara uns temas que todos seguimos, abeirando outros que, por veces, teñen igual ou máis importancia cós primeiros. E non é difícil cando as empresas de comunicación están en poucas mans. Digamos que entre Prisa (El País, Cadena SER, Los 40, Cadena Dial...), Atresmedia (La Razón, Antena 3, La Sexta, Onda Cero), Mediaset (Telecinco, la Cuatro), e a Corporación RTVE (TVE1, TVE2, RNE) cortan o bacallau, marcan as liñas, os temas, aos que lles debemos dar voltas e voltas e outros que debemos deixar de lado. E voulles sinalar tres asuntos de días pasados e hanme dicir se conviña ter falado máis deles ou non.

O primeiro, o exitoso voo transoceánico de Ramón Franco, hai cen anos. O 10 de febreiro de 1926 chegou a Buenos Aires, despois de ter cruzado por primeira vez o Atlántico sur desde España a Arxentina, o comandante de aviación Ramón Franco, cos seus compañeiros Ruiz de Alda, Durán e Rada a bordo do avión Plus Ultra. Por pouco que se saiba da historia dos galegos e españois en América, sabemos a inxección de orgullo que supuxo para eles que un compatriota dirixise unha operación das máis sobranceiras da historia da aviación mundial. Hai cen anos, o orgullo galego e hispano encheu os peitos de milleiros de compatriotas naquelas terras. E debeu ser o feito de que o heroe Ramón Franco tivese o irmán que todos coñecemos, que escureceu en 2026, cen anos despois, e noventa da guerra do irmán, aquela xesta. E que culpa tiña o simpático aviador? Unha pena deixar pasar a efeméride daqueles heroes e de capacidade do país para grandes retos.

Fermosa, construtiva iniciativa, que nos amosa que hai voces alternativas á guerra en todos lados

Outra noticia, modesta pero relevante por construtiva, que pasou desapercibida, é que o 1 de febreiro partiu de Fisterra o “Peace walk”, unha iniciativa do moderno teólogo holandés Rikko Voorberg (con máis pinta de actor novo e bonitiño ca outra cousa) e que conta coa participación de activistas pola paz de Israel e Palestina (Combatants for Peace; Women Wage Peace, etc.) se cadra un pouco inxenuos, pero moi ben intencionados. Trátase de camiñar pola paz, tomando o exemplo do Camiño de Santiago ou accións como a Marcha do Sal de Gandhi en 1930. Un dos puntos de partida, o primeiro, foi Fisterra; outros que se incorporarán progresivamente, París, Amsterdam, Berlín, Budapest, Saraxevo... A idea é xuntárense en Estambul en decembro deste ano e seguiren ata Xerusalén onde pensan chegar en xuño de 2027. Fermosa, construtiva iniciativa, que nos amosa que hai voces alternativas á guerra en todos lados. A cobertura nos medios de temas positivos, de virtudes e valores humanos en marcha, crea, sen dúbida, inercias positivas, exemplos a imitar. Pero se do que se trata é de encirrarnos cara o odio de forma permanente, pois obviamente, é mellor esquecer temas como estes, de cidadáns do común que pelexan por cousas boas, e centrarse de forma exclusiva sempre no que fede e incomoda.

E o terceiro tema do que non se falou nada nos medios foi do comezo da Coresma o día 18 pasado e que se prolongará ata o 2 de abril. A verdade é que moi relixioso non lles son eu, pero estou farto da matraca das televisións e dos medios de que cando comeza o Ramadán e cando remata, e do que comen ou deixan de comer. Nada contra dos costumes culinarios e espirituais dos nosos novos veciños, por suposto, pero si en contra da ocultación mediática da tradición cristiá que foi a cerna da espiritualidade -e moito máis- da cultura occidental, ou sexa, da civilización contemporánea do planeta Terra.

Contenido patrocinado

stats