A tribo de Rajoy

Publicado: 16 jul 2026 - 04:10
A tribo de Rajoy
A tribo de Rajoy | José Paz

Non hai nada de artificial na polémica desatada por Rajoy. O expresidente escribiu antes da semifinal do Mundial en El Debate, medio da Asociación Católica de Propagandistas, que os Bleus tiñan “un altísimo nivel” pero xogaban “sen franceses”. Os feitos o desmenten, xa que 23 dos 26 convocados naceron en Francia, e os outros son franceses por nai, pai ou naturalización. A embaixada gala recordouno, e o presidente da Federación, Philippe Diallo, fincou que os xogadores non precisan certificado dun antigo mandatario español. España gañou 2-0 en Dallas, e foi Lamine Yamal, de pai marroquí e nai ecuatoguineana e cuestionado pola dereita por non ser “suficientemente español”, quen provocou o penalti transformado por Oyarzabal. Porro sentenciou despois, e o combinado francés, coa composición diversa que Rajoy negaba, foi eliminado.

Rajoy activa un criterio racial fronte a Francia e agocha, baixo unha pretendida broma deportiva, a tese que xa defendera Jean-Marie Le Pen nos anos noventa, cando sostivo que era artificial convocar “xogadores estranxeiros” para a camisola francesa"

A polémica trascendeu fronteiras. Le Figaro falou de “racismo repugnante” e “odio normalizado”. En Estados Unidos, o New York Times adicoulle unha ampla columna que destilaba estupefacción e recollía as acusacións da clase política francesa. The Guardian, Politico, Corriere della Sera, Frankfurter Allgemeine ou Al Jazeera fixeron o propio na véspera do partido entre Francia e España. O ex primeiro ministro francés Manuel Valls resumiuno así: “Non é unha ocorrencia, é unha confesión”. Jean-Noël Barrot, á fronte do Quai d’Orsay, afirmou que Francia non ten cor de pel. Lonxe de rectificar, Rajoy subliñou que non se ía poñer ao nivel de certos membros do Goberno. Nin sequera a vitoria posterior do noso combinado serviu para matizar o ton. O desprezo cara á crítica seguiu intacto despois do pitido final.

O politólogo Benedict Anderson explicou hai catro décadas que as nacións non son entidades obxectivas senón “comunidades imaxinadas”, construídas mediante a selección política e interesada dunhas variables sobre outras. Ninguén coñece persoalmente aos millóns de compatriotas que integran unha nación, pero aínda así afirmamos pertencer a esta por unha ficción compartida que non é neutral nin arbitraria. Quen decide que criterios contan decide tamén quen está dentro. Rajoy activa un criterio racial fronte a Francia e agocha, baixo unha pretendida broma deportiva, a tese que xa defendera Jean-Marie Le Pen nos anos noventa, cando sostivo que era artificial convocar “xogadores estranxeiros” para a camisola francesa. Aquela xeración campioa do 98 respondeu convertendo a súa diversidade no emblema black-blanc-beur e cun tal Zidane de capitán.

A idea do sangue puro ten orixe nunha decisión xurídica de 1804. O “ius sanguinis”, o dereito que atribúe a nacionalidade polos proxenitores e non polo lugar de nacemento, ten raíces no dereito romano, pero foi o Código Civil francés dese ano o que o impuxo de forma deliberada, rompendo coa vella tradición europea do “ius soli”, herdada do dereito medieval, que daba a nacionalidade a quen nacese nun territorio. Foi Francia a que en 1889 corrixiu esa ruptura cunha lei pensada para naturalizar os fillos de estranxeiros nados alí. O que Rajoy presenta coma esencia inmemorial é, en realidade, un artificio legal que a mesma Francia rectificou hai 137 anos a favor da integración. Xa no século XX, Jürgen Habermas propuxo un concepto máis avanzado, o patriotismo constitucional, que transcende o sangue e a étnica e ancora a pertenza nos valores democráticos compartidos.

No texto que abriu a polémica, Rajoy xa avisara que non lle gustan “nin os diaños nin os vermellos”. Ao criterio racial cara a fóra súmase un ideolóxico cara a dentro, e quen non comparte a súa cor política queda tan fóra coma quen non comparte a súa raza. A proba do dobre estándar chegou despois do partido, cando chamou “ruído” e “minucias” á acusación de racismo, pero criticou que Sánchez pedise desculpas ao xefe do executivo francés, cualificado de “reverencia” para “provocar ruído”. Alfonso Rueda branqueou o comentario aludindo a un “exercicio de retranca”, normalizando un racismo cotián baixo capa de humor local. Tampouco o PP estatal se desmarcou, aliñado coa lóxica de prioridade nacional da ultradereita, quen decide quen é español e quen non. O esquema repítese. Meses atrás os populares normalizaron cánticos islamófobos no estadio de Cornellá, minimizando e acusando de esaxerar a quen protesta.

Nunha conferencia na Sorbona, en 1882, o historiador Ernest Renan definiu a nación como un plebiscito cotián, sostido pola vontade compartida de seguir vivindo xuntos, non pola raza nin a lingua. Charles Taylor, filósofo canadense, máis dun século despois engadiu en The Politics of Recognition que esa vontade esixe recoñecemento mutuo entre traxectorias distintas, non a imposición dun criterio unívoco. A pertenza mídese polo compromiso cos valores compartidos e non polo sangue nin pola cor. A selección de fútbol é fiel reflexo do país no 2026. Os Rajoy, Feijóo, Rueda e ultras de turno fan xustamente o contrario: impoñen o seu e exclúen a quen non encaixa nel. Son eles os que quedan fóra da patria de quen, coma min, gábase da diversidade, do respecto e da convivencia. Que se queden na súa tribo.

Contenido patrocinado

stats