Sergio Otamendi
Nueva purga militar en China
Entre o 21 e o 25 de xaneiro celebrouse en Madrid Fitur, a maior feira de turismo do mundo pola que pasan até 250.000 profesionais de 156 países. Ourense participou a través da Deputación Provincial, pero o alcalde non asistiu por considerar o evento “unha trampa” e “un dispendio de recursos económicos e humanos”. Según Pérez-Jácome, os stands convértense en “armarios de archivo para folletería que nadie mira”. A crítica invita a unha pregunta incómoda. Se Fitur é inútil, que fai entón o rexedor que resulte proveitoso para atraer visitantes? Tras máis de seis anos baixo o réxime de DO, Ourense segue sendo cidade de paso malia ter infraestrutura de primeiro nivel. Case dous millóns de viaxeiros anuais pasan pola estación sen quedar porque a cidade carece de estratexia turística seria alén da propaganda.
Ourense non está obxectivamente preparada para recibir turismo. Un viaxeiro que chegue á estación atópase cun ermo de servizos: sen información operativa, transporte urbano irracional con frecuencias erráticas, mentres termas públicas gratuítas a menos de dez minutos camiñando permanecen invisibles por falta de sinalización. A urbe presenta un patente desleixo en vías públicas, parques, beiras do río e patrimonio. Namentres, Pérez-Jácome prefire xerar titulares a través de provocacións, como a recente foto no medio da neve coa camisa aberta. Esta exhibición resume un modelo de xestión que confunde ruído con goberno. Que tipo de turismo atraen estas arroutadas? De botellón, atraído polo grotesco do espectáculo? Que perfil de visitante queremos consolidar? Esta é unha pregunta fundamental que nin sequera se plantexa.
Un concello con estratexia turística desenvolvería actuacións concretas. Quizais servizos básicos na estación como oficina de información con horarios ampliados e material promocional de calidade. Quizais sinalización turística completa cubrindo itinerarios cara ás charcas, centro histórico e patrimonial. Quizais transporte urbano eficiente con frecuencias razoables e bonos que faciliten mobilidade. Quizais coordinación co sector privado mediante mesas de traballo estables entre Concello, hostaleiros, comerciantes e guías. Quizais paquetes integrados que combinen AVE con aloxamento e actividades a prezos competitivos. Quizais limpeza e mantemento de espazos públicos que transmitan imaxe de cidade coidada. Quizais incentivos fiscais para establecementos que cumpran estándares de calidade, bonificacións do IBI ou subvencións para rehabilitar edificios históricos. León, Pamplona e Burgos implementan estas medidas básicas. Ourense nin sequera as contempla.
Ourense apostou todo ao termalismo, pero este monocultivo resulta limitante e incompleto. A cidade posúe patrimonio histórico relevante como Catedral e Burgas, gastronomía de calidade con polbo á feira, carnes, viños do Ribeiro, Valdeorras e Monterrei, e produto local variado arredor do cal se poderían artellar roteiros gastronómicos. A impoñente natureza circundante con Ribeira Sacra e montaña ofrece potencial para sendeirismo e turismo natural. Con todo, os museos permanecen pechados ou en proceso de reconversión a usos alleos ao seu propósito. Urxe diversificar a oferta construíndo circuítos diferenciados: termalismo para público sénior, rutas enolóxicas para segmento medio-alto, sendeirismo para familias, patrimonio para visitantes interesados en historia. Todo organizado cunha estratexia que sitúe Ourense como epicentro vertebrador, non como mero punto de paso.
A Deputación inviste en promoción turística sen avaliacións de impacto. O groso da oferta do monocultivo termal provincial está nas mans de Caldaria, cadea privada que agrupa establecementos en Laias, Arnoia e Lobios. A empresa benefíciase das campañas de publicidade financiadas con fondos públicos. Porén, descoñécese o incremento de visitantes á provincia, ocupación hoteleira atribuíble á promoción institucional ou retorno económico que xustifique o investimento. A opacidade impide avaliar se o investimento enriquece operadores privados sen xerar beneficios verificables para o territorio. A oposición tampouco presenta alternativas rigorosas. O debate redúcese a discutir o prezo da entrada ás Burgas, eludindo cuestións estruturais como oferta, transporte, aparcamento ou sinalización. Esta falta de ambición compartida, onde ningunha forza presenta proxectos serios, explica o estancamento. Sen visión estratéxica, perpetuamos o fracaso por omisión.
Ourense debe adoptar unha decisión fundamental: queremos turismo ou non? Se a resposta é afirmativa, precisamos dunha actuación decidida e coordinada dos poderes públicos. O turismo non é un agasallo que traian os Reis Magos só por desexalo con moitos azos. Incluílo na carta ás súas maxestades de Oriente non abonda. Hai que traballar para merecelo. Requirimos estudos que nos digan cantos dos dous millóns de viaxeiros son tránsito e cantos potencialmente convertibles en visitantes. Necesitamos investimentos sostidos en infraestrutura turística, formación profesional do sector e mecanismos que garantan que os beneficios revertan en comercio local e emprego digno. Imponse que o Concello goberne con profesionalidade, que a Deputación deseñe campañas e avalíe resultados con rigor e transparencia, e que a oposición presente alternativas plausibles fiscalizando a acción do poder. Mentres confundamos xestión pública con ruído en redes sociais e material promocional con planificación estratéxica, Ourense seguirá sendo a cidade que tiña todo para triunfar e elixiu o fracaso.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LLEGADA EXTRANJERA
La regularización migrante, en la mesa de debate político
Maniobra de Heimlich
“Actué automáticamente al ver que se estaba asfixiando”
DECRETO ÓMNIBUS
Feijóo: “Si quieren revalorizar pensiones, votamos mañana”