Xose A. Perozo
PENSAR POR PENSAR
A emigración e un señor dos Peares
Omundo, a xente do mundo está atrapada, atada á pata do banco. Non pode falar, nin mirar, nin sorrir, nin calar. Non pode seguir, nin parar, nin retroceder, por moito que o intente e por moitos sacrificios que faga. Moitas persoas, das coñecidas e das outras, andan no belén, están implicadas, día e noite, nese asunto tan difícil de resolver. Imposible. Ás enfermidades coñecidas súmanse outras novas, tan perigosas, tan malas e tan mortais como as outras, as do andazo. E o andazo vén cada ano, cada inverno, cada pouco tempo. A moitos dos que lles pega o do virus, vanse e xa non volven, non volven, non.
Outros, tal como está mandado, quedan idos. Moitos fóronse e quedáronse sen ganas de marcha e sen ansias de volver. Parece un mundo ao revés, en contra nosa, en contra de todo. Os psicólogos, psiquiatras, curandeiros e menciñeiros ou albeites non dan feito, vénselles o mundo enriba, co alcatreo da peste toda.
Un mal trae outro consigo. Xúntanse e empeoran. E, segundo os especialistas, o persoal sanitario sofre riscos enormes de trastornos mentais, de ansiedade, estrés agudo e cansazo. Tamén sofren os políticos, incapaces de enxergar unha alternativa. Políticos e políticas, que aquí, nisto, son absolutamente iguais, sen diferencias e sen discusións. Tanto eles como elas, se cómpre facelo, atenden aos biosbardos e aloumiñan aos cocerellos.
Anda a ministra e o ministro na procura de especialistas nas distintas ramas do saber e da ciencia. Páranse de súpeto e vénlles á memoria a saúde mental da maioría, desa que ten que ir ao colexio electoral enseguida. Ningún deles sabe nada das vacinas, dos cobizados remedios que ían vir e non chegan, mentres o tempo pasa, o mal permanece e a cidadanía, para curalo, “poida que esperte algún día”. Malo será!
Os medios de comunicación publican noticias de aglaio, nas que especialistas na materia advirten de que o impacto da pandemia na saúde “será enorme, e moi grande na saúde mental”, con incidencia na mocidade que sufrirá trastornos varios, entre outros, alimentarios e tentativas de suicidio. E, onde se agochan os responsables? As hospitalizacións de nenos por anorexia, por bulimia e por obesidade, ao parecer, aumentaron neste último ano, como se fose un sinal de alerta, que require resposta das autoridades sanitarias de aquí e de alá.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xose A. Perozo
PENSAR POR PENSAR
A emigración e un señor dos Peares
José Luis Fernández Carnicero
DESCUBRINDO A BIBLIA EN OURENSE
Os mortos vivos
Rafael Dávila Álvarez
Pulpo á feira
TAL DÍA COMO HOY
Museo del Hermitage
Lo último
ESCASEZ DE MÉDICOS
La sanidad agita el pleno municipal de Carballiño
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este viernes, 6 de febrero