Unha andaina pouco andaina

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 05 nov 2026 - 02:51
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Levaba uns meses sen facer unha das miñas andainas. Aínda que, desta vez, case sería mellor chamarlle ruta turística e non andaina. Porque fun en coche. A Santa Mariña de Augas Santas. Aínda que, iso si, os dous últimos quilómetros fíxenos andando e... lendo.

A lectura case era obrigatoria: quería aproveitar o sol e rematar de ler o libro galego “Villardevós”, de Silvio Santiago. E remateino, claro. Quedábanme tan só corenta páxinas e, en menos de dous quilómetros, caeron.

Ó rematar o libro, e como aínda quedaba un treito para chegar a Santa Mariña, alixeirei o paso e tan só unha vez me detiven un pouco para recoller unhas cantas castañas que atopei na cuneta da esquerda. Se cadra non dan para un magosto, pero para matar o tempo e a fame con elas. Santa Mariña de Augas Santas é unha aldea bonita, cunha fermosa igrexa, unha famosa fonte e unha interesante historia que non vou contar porque, quen máis quen menos, xa sabe dela. E, se alguén non a coñece, ala, a botar man da enciclopedia.

Logo das correspondentes fotos para subir ás redes sociais -hoxe non somos ninguén se non ensinamos as nosas vidas-, volvín polo coche e seguín pola mesma estrada, á aventura. Porque non sabía a onde ía parar aquela estrada. Pero dá igual: a algún lugar chegará. E chegou a Taboadela, para rematar en Ponte Noalla. Aí, como xa coñecía o camiño, díxenme que nun amén estaría na casa. E estiven en menos dun amén.

Contenido patrocinado

stats