Benito Iglesias
Sin la Diputación, ¡Ourense colapsa!
DIARIOS DO PASADO
Hoxe sábado, celebraranse unhas xornadas en Lobeira con Xaquín Lorenzo como referencia. Acaso algúns se estrañen de que utilice o tratamento de don, e non por falta de consideración, que a ten, e moita, se non porque no rexistro popular é máis coñecido como “Xocas”. Sendo alumno del no tardofranquismo, dirixiámonos a el como “don Joaquín”. O galego non era entón moi habitual -eu mesmo, castelán falante de orixe, o estaba a aprender pola miña conta-, e menos nas relacións de cortesía. Cando nunha conversa cito ao noso máis célebre arqueólogo, Florentino Cuevillas, sen ser polo apelido, gústame dicir don Florentino, se ben é certo que nos parrafeos que mantiña con Elvira, unha das fillas, utilizabamos -sempre co permiso dela- “Floro”. É máis, cando formaba parte do padroado da Fundación Vicente Risco habitualmente, ademais do apelido Risco, referiámonos a el como don Vicente. Por iso o tratamento de don Xaquín.
O acto a celebrar hoxe na querida Baixa Limia, é a VI xornada de cine etnográfico Xaquín Lorenzo “Xocas”, organizadas por Arraianos Producións, dirixida por Aser Álvarez, o Concello de Lobeira, Acude Rural e o Museo do Pobo Galego. Ben é certo que estamos en días álxidos do verán, de axendas apertadas, pero as xornadas de cinema etnográfico, unha digna homenaxe a el, son de presencia obrigada. No que me concirne, primeiro porque como alumno de “don Joaquín”, o seu maxisterio foi decisivo para o que agora escribe. Penso que algunha vez lles contaría que de neno tiña en mente tes posibles profesións de futuro: xornalista, mariño e arqueólogo. Calquera me cobizaba. Pero daquela para min a arqueoloxía era Exipto, Mesopotamia ou o mundo grecorromano, o que habitualmente transmitía a arqueoloxía de difusión. Sen embargo as aulas con don Xaquín para estudantes adolescentes coma min, incluían marabillosos relatos das escavacións del mesmo ou de Cuevillas en castros, dolmens e outros xacementos. Pero todo isto témolo aquí, en Galicia?, pensaba eu. Así aprendín que a arqueoloxía non era aventura nin emocións valeiras, se non unha poderosa ferramenta para coñecer o pasado. Tamén o noso. Con esa consciencia disipáronse as dubidas: sería arqueólogo, grazas a el. Cando comecei a investigar a Prehistoria Recente da Baixa Limia, centrándome nos monumentos megalíticos e a Idade do Cobre, entre outras publicación era obrigado utilizar as da súa autoría en colaboración co tamén mestre Cuevillas. Por orde cronolóxica, traio a de 1930, “Vila de Calvos. Notas etnográficas e folklóricas”, unha das obras salientables do Seminario de Estudos Galegos. Alí daban conta do conxunto megalítico que denominaban necrópole á “NE de Penas Altas”, que despois catalogamos como “A Moura”. O outro traballo, tamén compartido con Cuevillas, é de 1958 e titúlase “Dos necrópolis dolménicas”. Nel tratan as investigacións que levaron a cabo nas necrópoles tamén megalíticas de Galez: Chan de André e Chaira de San Fiz, as dúas en Entrimo.
Evidentemente Xaquín Lorenzo ten na súa ampla produción bibliográfica moitos mais traballos, tanto de arqueoloxía como do que foi o seu forte na investigación, a etnografía. Porque, nacido en 1907, integrouse de cheo na Xeración Nós seguindo, sobre todo, os ronseis etnográfico de Risco e, ocasionalmente, o arqueolóxico de Cuevillas, que con Otero formaron o “cenáculo ourensán”. Parabéns á organización da xornada-homenaxe en Lobeira.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PREVENCIÓN Y DIAGNÓSTICO
“New Heart”, un proyecto de Galicia y Portugal que mejora el estado del corazón
DERECHOS SOCIALES
❌ ✅ Encuesta | ¿Qué te parece la posible derogación de la Ley Trans?
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy lunes, 9 de noviembre