Unha lección de humanidade

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 10 jun 2026 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A visita de León XIV significou un chute de ledicia e de enerxía polas verbas que dixo referíndose a moitos asuntos que hoxe en día preocupan non só a nivel de Estado senón tamén a nivel mundial. Unha lección de humanidade nun mundo complexo que camiña a moita velocidade e que esta a perder referentes éticos e morais básicos que sempre foron o sustento da familia e da humanidade. Nas súas verbas, o papa deixou moi claro que o enfrontamento e a falla de cooperación dentro dun país entre o Goberno e o non permanente da oposición, non levan a ningures e soamente crean enfrontamento social. Tamén lanzou un aviso referíndose ós falsos mensaxes que van contra os menos desfavorecidos e os emigrantes. Mensaxes que circulan polas redes e que proclaman algúns políticos sen ningún tipo de pudor. Todas esas mensaxes que van contra o diferente e das que debemos fuxir, agochan tras de si un racismo e un supremacismo que arrepía e que non augura nada bo. O papa veu a lanzar unha mensaxe moi distinta á que se escoita na boca de moitos políticos deste noso Estado e incluso en parte do clero máis conservador.

E vendo as imaxes de asistencia masiva ós diversos actos pode resultar enganoso pensar que a relixión, a día de hoxe, vive un momento de aceptación masiva, cando non é así. Pode tamén resultar enganoso cando mesturar certo grao de espiritualidade coa práctica activa e permanente da relixiosidade. A realidade é moi distinta á que se vive na nosa sociedade. Primeiro, as parroquias sofren e visualizan a ausencia de xente nova nos actos relixiosos pois están quedando baleiras. A mensaxe que nelas se imparte dille moi pouco á xuventude e mocidade, polo que esta non ve aliciente no que alí se repite dende sempre sen darlle contestación a moitas das súas aspiracións.

Semella que unha cousa é a mensaxe que se dá coa visita papal e outra a realidade na base que mantén a estrutura piramidal desta institución

A Igrexa actual precisa pórse ó día en aspectos que, na vida da mocidade e da xuventude, xa levan moito tempo sendo normais. Precisa, nunha sociedade moi conformista e tamén moi nihilista, adaptarse ós tempos se non quere perder o tren, sentirse arroupada polos moitos crentes que hoxe viven arredados da súa mensaxe.

Con todo, semella que unha cousa é a mensaxe que se dá coa visita papal e outra a realidade na base que mantén a estrutura piramidal desta institución. A Igrexa actual ten diante de si retos e asuntos moi importantes que afrontar. O asunto do celibato obrigatorio, o acceso da muller ó sacerdocio, a adaptación de certos postulados á realidade mundial, como o do crecemento da poboación no mundo, e sobor de todo ter coherencia entre o que fai e o que se predica. Xa nada digo do asunto espiñoso do referido ós abusos da pederastia e sexuais.

A visita do máximo responsable da Igrexa na terra deixa ben á luz que esta milenaria institución ten moito que modelarse para adaptarse a uns tempos nos que, ás veces, resulta moi complexo e complicado distinguir o bo e o malo e o falso do certo. E xa se sabe que os chamados dogmas son moitas veces unha atadura que impide a adaptación e a interpretación acorde cos tempos. En fin, León XIV trouxo unha mensaxe chea de humanidade nun momento no que a sociedade o precisa, o que está moi ben. Mais a visita, tendo en conta o que din certas enquisas, non debera ser unha cortina de fume para obviar a perda de xente crente que camiña fora da institución relixiosa e que vai en aumento. Asi que, adaptarse ou fenecer. Non queda outra.

Contenido patrocinado

stats