Unha nova inquisición

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 28 oct 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O que anunciou hai uns días o narciso e ególatra Trump dende o Despacho Oval avívame a memoria e faime pensar en tempos moi antigos felizmente superados no noso Estado. Supoño que moitos cidadáns, non sei se ós mais novos, pois entendo que en moitos institutos non se fala da historia dos tempos escuros deste país, saberán que coa chegada dos Reis Católicos, ala polo 1478, sendo papa Sixto IV, para manter a ortodoxia católica este creou a Inquisición, deixando a súa aplicación en España a eses reis. Isto implicaba que con calquera denuncia anónima que acusaba a unha persoa de non ser bo cristián, este recibía a visita do Santo Oficio e o que viña detrás: torturas, requisa de bens e, chegando máis lonxe, incluso morte na fogueira.

Vindo a tempos máis recentes e case actuais, tamén me ven á memoria o que acontecía, e non sei se hoxe acontece, na Cuba de Fidel Castro. Relato o que me contaron cubanos que viven entre nós: “En cada cuadra ou mazá de casas había un oficial do réxime que tiña varios espías ó seu cargo. Estes pasaban información dos que falaban mal do Goberno e despois viñan os avisos e as consecuencias. Primeiro as pitadas chamándolle disidentes e despois a cadea”. Pois ben, Tump anunciou que o seu Goberno dedicará unha suma importante de cartos para premiar ós que denuncien os seus veciños de quen desfalca ou non cumpre as leis estatais. Esa vella táctica de crear a desconfianza entre a xente xera un mal ambiente entre a cidadanía, pois todos terminan desconfiando de todos. Esta maneira de dividir ós cidadáns trasládalle a eles a responsabilidade que ten que facer quen goberna, pois á larga remata amordazando á sociedade e creando a desconfianza de todos contra todos. E isto leva a que a sociedade sexa máis individualista e cada quen ande soamente ó seu.

Non cabe dubida de que corren malos tempos para as liberdades individuais

Non cabe dubida de que corren malos tempos para as liberdades individuais. E no noso Estado xa comezamos a ver pinceladas moi indicativas de censura. En Castela León queren, os salvadores da patria, pórlle vetos ás películas que falan do noso pasado recente. O que parecía hai uns anos imposibel, empeza a ser realidade. A día de hoxe todo comeza permitindo o insulto dentro dunha institución como é o Senado, onde o presidente doutro país insulta o xefe do Goberno e o presidente desa institución non é capaz de dicirlle que nesa casa non se insulta a quen foi elixido polo Parlamento. Tamén todo comeza cando se di que se queren prohibir expresións culturais que se consideran ideolóxicas. E podería seguir con máis exemplos. Mal camiño levamos.

Lembro a cantiga do desaparecido grupo ourensán Folk Cantigas, que dirixía o fenecido Nito Contreras. Dicía: “Algo cheira a podre ó noso arredor cando lle cortan as alas ó paxaro pra non voar”. A razón é que se comeza por estas cousas, logo prohíbense e censúranse libros e acabamos como nos anos sesenta do século pasado poñéndolle rombos ás películas. A táctica para desarmar a unha sociedade é moi vella. Divide e vencerás. Eu fago esta pregunta: se se censura, quen nomea ós que din que aquelo ou o outro é malo para a sociedade? Son dos que penso que a expresión das ideas sempre que se respecte a opinión dos demais non debera ser un problema. Se coñecer o noso pasado con luces e sombras é un delito, como pensan moitos que din deso é mellor non falar, estamos a cometer un erro moi grande. E digo eu, delito tamén será quen branquee a figura de persoas que teñen tras de si moitas máis sombras que luces e nolas debuxan como salvadores, cando foron ditadores e outras cousas que non digo. Acaso iso non é manipular?

A pretensión do presidente dos EEUU de incentivar con premio ós que denuncien ós seus veciños pode prender en moitos países. As ideoloxías e os sistemas políticos que derivan delas, levadas ó extremo, só crean enfrontamento e son moi malas para a sociedade onde se impoñen. Así comezan as ditaduras. Así, desta maneira, comezaron os anos escuros na Europa preludio da segunda gran guerra. Nada novo baixo as estrelas e menos de salvadores que son supremacistas e racistas que gobernan soamente para as elites poderosas.

Contenido patrocinado

stats