La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Unha tarde chuviosa e gris do mes de febreiro, a mesma pomba dourada que durante moitos anos o acompañara no seu camiñar libre e ledo pola vida, volveu planar, lixeira e rexia, uns minutos interminábeis, case que eternos, sobre o seu ceo azul e branco; este é un tapiz mental que aínda hoxe, en realidade de xeito ininterrompido dende hai moitos anos, preside e decora maxestoso o fondo do escenario no que se representa a obra mestra da súa propia intrahistoria. Solovio atópase nunha sesión de promoción celebrada no Teatro Principal de Ourense e observa como diante dos seus ollos estase a proxectar unha película documental cuxa trama lémbralle, imaxe a imaxe, segundo a segundo, todo o repertorio das súas vivencias intensas referentes a unha das épocas máis felices da súa vida.
Afundido nunha cadeira pequena e estreita, revestida con veludo vermello algo desgastado polo uso e incómoda, moi incómoda, por veces incluso insufríbel, o home mergúllase cada vez máis no océano da nostalxia cando comproba como con cada un dos fotogramas que pasa veloz pola pantalla xigante daquela sala, unha fervenza violenta e rápida de recordos doutra época, a modo de colección de estampas dun pasado que adoita deixar pegadas indelébeis por que non somos quen de borra-las endexamais, senón que permanecen canda nós moito máis alá do que poden explica-las magnitudes físicas tanto do tempo coma do espazo, o asolaga completamente e sen ningún tipo de remordemento nin, moito menos, de piedade. De súpeto, coma se vivise baixo os efectos angustiosos dunha sorte de shock sentimental postraumático, un nó na gorxa molesto, moi incómodo, a piques de converterse en doloroso, impídelle emitir calquera tipo de son de natureza recoñecíbel. Ó mesmo tempo, unha recua ordenada e perversa de bágoas cristalinas e salgadas, coma se fosen puñais afiados a conciencia, asoman traizoeiras á balconada dos seus ollos e, namentres percorren paseniño as súas fazulas, co seu tacto agudo e punxente crávanse en forma de lembranzas no máis fondo dos seus miolos e, nun verdadeiro tour de force, conseguen forza-la pechadura e abri-lo cofre privado dunha memoria que até aquel preciso momento permanecera fortemente blindada.
Os minutos pasan e deixan canda si lategazos que flaxelan un corpo en carne viva anestesiado xa pola dor. Porén, paseniño, Solovio foi quen de reparar en que a liberdade que aquela pomba sempre representara no seu imaxinario de vida, contrasta agora co sufrimento que emana do obrigado, cruel e necesario, exercicio de introspección que está a desenvolver no máis enxordecedor dos silencios interiores posíbeis. E nese mesmo intre, case sen sabelo, tan sequera sen sospeitalo, mentres a ave dourada se afasta libre e transcendente, lonxe do seu maxestoso ceo azul e branco, o home cae na conta de que grazas a ese exercicio de aceptación nostálxica do que foi, hoxe séntese plenamente liberado para seguir a ser. Deste modo, Solovio é consciente de que está a pechar de forma definitiva un ciclo e sobre todo de que, sen media-la mínima oportunidade para unha solución de continuidade enganosa, atópase preparado para comeza-lo resto da súa vida. Por que así era o que debía ser. Sentado nunha cadeira vermella aveludada, estreita e por veces insufríbel, mentres observa proxectada na gran pantalla do gran teatro ourensán a súa imaxe cunha copa de viño branco brindando cara ó solpor dende unha terraza da Vilerma, Solovio convéncese de que terá que ser quen de reinventarse, de construír un novo camiño co que darlle outro xiro e significado á súa existencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último