Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
La puerta que fue bodega en la calle Hernán Cortés
Ainda que a semana pasada centreime nas “calorets” das terras e augas catalás de Sitges, hoxe vou facer o percorrido por lugares aos que hoxe non repetiría sen mirar con lupa as informacións meteorolóxicas estatais, aínda que para min non teñan a fiabilidade de “MeteoGalicia”, que te informa puntualmente da entrada das néboas de agosto pola ría de Vigo, para disgusto de moitos ourensáns que non lle botan unha ollada ao “Tempo” da TVG antes de encarar a procesión domingueira cara Samil.
Eu por mirar ata miro a temperatura da auga, sabendo que os meus pinreles non van tocar as para min xélidas augas da Ría de Vigo, ou correr o risco de sofrir o ataque das tan temidas fanecas nas mareas baixas.
Fanecas non, pero algunha medusa sí que divisei en augas valencianas, alacantinas, murcianas e almerienses, polas que andiven e nadei en moitos dos meus desprazamentos estivais cando xa comezaba a facerlle caso aos dermatólogos e pasaba o día na tumbona baixo o parasol alugado a prezo de ouro. Tanto como as motos acuáticas que quixen probar. Nun deses deprazamentos funme ata á praia da “Malvarrosa” valenciana, á que me escapei nunha fin de semana desde as terras murcianas onde estaba botando a andar a Television Autonómica. Con “A Malvarrosa” pasoume como con Acapulco en México, desde que lle cantara Raphael ás súas marabillas tiña necesidade de coñecelo, e alá fun a pasar uns días gozando das quentes augas do Pacífico. E coa praia valenciana tiña unha cita pendente desde que lera a primeira edición do “Tranvía a la Malvarrosa” de Manuel Vicent. Aproveitei para visitar ao meu antigo alumno da Laboral de Ourense, Alonso Checa, que xunto coa súa pepereta prepararon na súa horta valenciana unha paella cunha pintaza incrible, pero á que, descúbrollo hoxe, se lle escapou o sal e houbo que comela por aquelo de non facerlle un feo despois do moito cariño que lle botaron á preparación. Xente fantástica que un atopa na vida.
E de Valencia a Alacante, a onde ía con moita frecuencia por quedarme cerca de Murcia, hospedándome a primeira fin de semana no “Hotel Meliá”, que se eres un pouco pillo quédaste cos detalles e cando volves ás praias do “Postiguet” ou á de “San Juan”, que me recordou aquela canción que no seu día cantaran “Juan y Junior”, volves aproveitar as instalacións hoteleiras e as súas piscinas como se foras un cliente máis. Cousa que fixen durante algún tempo en Madrid no luxoso “Hotel Palace”, onde nalgunha ocasión almorcei baixo a súa impresionante cúpula e logo utilicei a cotío como baño, con colonia incluída, nos meus paseos polo Prado madrileño. E tres cuartos do mesmo fixen no “Hotel Ritz”, onde por aquelo de lembrar o cuplé de Lilián de Celis, “Las Tardes del Ritz”, gocei dunha das súas exclusivas merendas a prezo de ouro, o que me otorgou, digo eu, o dereito a utilizar as súas instalacións cando por alí pasaba, como teño feito tamén no “Reina Victoria”, chamado entón o “Hotel de los Toreros”, no que despois da súa remodelación tomar un café mañaneiro significa soltar a carteira ben soltada.
E seguindo polo Mediterráneo rumbo a Almería atopeime en Carboneras co espantallo do hotel “El Algarrobico”, un edificio pantasma de 20 plantas, da España do ladrillo e da especulación, en pleno Parque Natural de Cabo de Gata. Un horror.
O de Benidorm, Torremolinos, Marbella e algún outro destino mediterráneo máis merecen artigo aparte. Será a próxima semana.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
La puerta que fue bodega en la calle Hernán Cortés
TAL DÍA COMO HOY
Curiosidades de “Cuento de Navidad”
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Lo peor de las reacciones
Julián Pardinas Sanz
El "tonto útil" de la política
Lo último