Vacacións mediterráneas (última parte)

Publicado: 31 ago 2024 - 00:39

A primeira vez que estiven en Benidorm aínda non se producira a segunda gran eclosión, despois daqueles anos dourados do festival musical onde triunfaron artistas da talla de Julio Iglesias con “La vida sigue igual”.

Comezaban a proliferar os negocios de restauración nos que os menús xa soamente estaban escritos en inglés. Paseino francamente ben, como o volvería pasar cando acompañei aos meus alumnos de COU da UNI de Ourense, que para a súa viaxe de fin de curso preferiron este destino e non a outra alternativa, bastante máis cultural, de Salamanca e Cáceres. Non houbo maneira de persuadilos desde as miñas clases de Ética e Filosofía.

E cando xa Benidorm volvía ser un lugar de moda turístico, alá que me plantei en plena Semana Santa, gozando de non sei cantas horas en varias terrazas da Praia de Levante, vendo como pasaba diante dos meus ollos a “España Profunda” que gozaba, ao igual que nós, dos seus días de asueto. Nin que dicir ten que para nada nos sentiamos formando parte desa España do querido Manolo Escobar, que alí vivía, e dos alemáns que fixeron da canción “Y viva España” o seu segundo himno nacional; e isto puiden comprobalo nunha das miñas viaxes a Múnic cando nunha solleira mañá de domingo me vin bailando dita canción no fermoso Xardín Chinés, ao ritmo dunha típica orquestra bávara, con outra simpática turista malagueña. Sempre gustei moito desta capital da Bavaria, onde parece que lle regalan os “Porsches” a case todos os seus habitantes. Igual foi por iso que nalgunha etapa da miña vida tamén me vin pilotando un destes flamantes coches, que vendín en canto comezou a gran crise financeira de 2008, cando eu presentaba o “Acompáñenos” na TVG, e dábame moita vergoña pasar polos parados estaleiros vigueses descapotado como se estivera de vacacións por Mónaco, mentres miles de familias galegas comezaban a pasalo moi mal. Vendino ao momentiño. Iso si, posúo unha foto á que lle teño especial cariño, porque reivindica que con traballo e ilusión podes chegar moi lonxe, incluso para un rapaz de Allariz que fixo todo o posible por cumprir os seus soños, apoiado no meu caso polas “becas” de estudo; e quen nun momento da súa vida puido aparcar este fantástico coche diante das “Casas Baratas”, onde sendo neno ademais de estudar martirizaba aos veciños do barrio cantándolles as cancións de Raphael.

E con este “Porsche” viaxei a Marbella nun deses tórridos veráns, onde a querida Ana Kiro tiña unha casa para pasar as tempadas de inverno, despois de facer unha das súas incansables xiras, nas que se puxo de moda aquel dito de “Ata actuei onde Ana Kiro perdeu as zapatillas”. A gran Ana con quen tanto convivín, e co seu Carlos, na casa de Mera cunhas vistas fantásticas á baía da Coruña.

Máis fermosas vistas que o despropósito de Puerto Banús, onde me atopei de fronte co Rolls Royce no que viaxaban Camilo José Cela e Marina Castaño, cando me dirixía cara o porto para ver a exhibición de iates árabes e unha exposición de “Lamborghini” que “quitaban o hipo”.

En Marbella tiven que debaterme entre ir ver a Ricky Martin, por unha autovía totalmente colapsada, ou a Isabel Pantoja que actuaba no “Parque Tívoli” de Benalmádena, e alí que me fun para vela en primeira fila.

Tempo despois, Benalmádena sería o meu último destino mediterráneo hai xa seis anos, cando o meu Mieloma decidiu cambiarme a vida.

Contenido patrocinado

stats