Juan Pina
Y Bélgica humilló a Trump
Ourense atravesa unha nova vaga de calor que xa non sorprende por repetirse cada verán. O fenómeno non afecta por igual a toda a veciñanza, nin sequera dentro dun mesmo barrio. A “xustiza climática” ten un corpus académico consolidado, salientando o traballo de Isabelle Anguelovski de 2024, que cruza vulnerabilidade espacial con renda, idade, tipo de vivenda e situación laboral de quen padece as altas temperaturas. Un propietario cunha vivenda adaptada e recursos para manter o aire acondicionado, fronte a un inquilino nun inmoble sen reformar que non pode asumir esa factura, experimentan porta con porta situacións opostas. Non é aleatorio que as urxencias hospitalarias concentren persoas maiores que viven soas en fogares sen protección térmica. As temperaturas extremas, lonxe de constituír un evento neutro, funcionan como un experimento involuntario que expón desigualdades existentes.
Esa iniquidade non se explica só polo enderezo. Dentro dun mesmo barrio poden convivir situacións opostas segundo renda, idade, formación, réxime de vivenda, orixe ou composición do fogar. Unha anciá que vive soa nun piso alugado, unha familia moza con empregos precarios, un autónomo do pequeno comercio, un traballador estranxeiro con horarios que non encaixan cos servizos municipais ou unha persoa con discapacidade sen itinerarios accesibles, poden compartir código postal sen partillar necesidades e urxencias. O xénero suma outra variable, xa que quen asume os coidados no fogar, maioritariamente mulleres, sofre a calor de forma distinta por pasar máis horas confinada en vivendas sen adaptar nos picos de calor. A demarcación por barrios é unidade de xestión imprescindible, pero non abonda como explicación do que require cada persoa concreta.
A nosa cidade engade unha dimensión espacial propia a esta complexidade social. A topografía de val retén calor e contaminación de forma desigual segundo a zona. Unha medición recente sobre o terreo así o confirma: o chan da explanada da Policía Nacional rexistrou 65°C durante unha das vagas de calor de 2025, mentres o Casco Vello mantívose entre 27°C e 33°C no mesmo período. Esa diferenza de case corenta graos non responde a ningún deseño municipal, senón á trama histórica e á vexetación herdada. Ourense carece, ademais, de programa de refuxios climáticos ou corredores de sombra, inexistentes como política pública. A maioría dos edificios é anterior a calquera esixencia legal de illamento térmico, e moitos propietarios carecen de recursos para reformalos. Comprender este problema en chave ourensá esixe cruzar as dimensións social, urbanística e espacial.
Ourense convértese, verán tras verán, nun laboratorio involuntario onde o código postal, a renda e a idade deciden que grao de sufrimento lle toca a cada quen
Tal complexidade rara vez se traduce en diagnóstico porque as organizacións que aspiran a gobernar omiten calquera análise. A promoción interna adoita premiar a antigüidade militante e a lealdade cega antes que a competencia contrastada. A modo de exemplo, a candidata socialista á alcaldía de Ourense acumula case dúas décadas de traxectoria partidaria sen experiencia profesional coñecida. O problema agrávase na canteira, onde a vida laboral queda atada ás siglas desde novo. Outros perfís conviven en calquera chanzo sen garantía de capacidade nin carisma, entre quen fai carreira a lombos do partido malia unha traxectoria mediocre e quen o usa para obter un complemento salarial. Michels xa describiu hai máis dun século como calquera estrutura tende a privilexiar o control dos aparatos sobre a renovación de cadros e ideas. Iso produce desafección cidadá e programas repetidos sen contraste coa cidade real.
A marxe de manobra dun municipio para intervir en materia de calor é ampla, pero en Ourense apenas se exerce. O plan de refuxios climáticos que arrinca este ano na avenida Otero Pedrayo non parte do Concello, senón da Xunta. O propio Consistorio, á súa vez, nin sequera dispón dunha listaxe oficial de espazos frescos. Tivo que ser un xornal local quen a elaborase, a pé de rúa e con termómetro láser, para suplir esa ausencia. O poder local podería modificar ordenanzas para esixir eficiencia enerxética en rehabilitacións, activar protocolos de acollida en edificios públicos xa existentes sen custo engadido, ou coordinar horarios de transporte e servizos sociais durante episodios de calor extrema. Pérez Jácome non o fai, e boa parte da veciñanza nin sequera sabe que dispón dunha ampla marxe para intervir.
O que estas liñas veñen de describir é unha pauta recorrente que exacerba as desigualdades, non un incidente illado. Cada verán hai quen remata nunha urxencia hospitalaria, quen vai aguantando pero perde sono, rendemento e saúde semana tras semana, ou quen atravesa a tempada sen decatarse de que hai problema, entre outras posibles eventualidades. Isto retrata as limitacións da oferta política actual, escasa en perfís capaces de identificar problemas reais e instalada na inacción dos poderes locais fronte a un risco xa coñecido. Ourense convértese, verán tras verán, nun laboratorio involuntario onde o código postal, a renda e a idade deciden que grao de sufrimento lle toca a cada quen. Gran parte da cidade resulta inhóspita durante meses enteiros, e ninguén semella decidido a cambialo. Namentres, a próxima vaga de calor xa está marcada no calendario.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
VIAJAR ES UN PLACER
El turismo masivo ya afecta al 77% de los viajeros de negocios en España
La Región
Fiestas
MANIFESTACIONES POR SANIDAD
Comercios de O Barco se suman a pedir un neumólogo