Vai de ladróns...

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 21 ene 2026 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Nada me sorprende do que acontece no salón de plenos do Concello. A linguaxe e a forma de como se debaten os asuntos da cidadanía aseméllase máis a unha comedia bufa que ó estudo de propostas serias que deberan tratarse con rigor, pois afectan ó conxunto da veciñanza. Dende hai moitos anos, máis de dez, na cidade das Burgas non se afronta un plan medianamente serio que tente pórlle remedios as grandes carencias que temos como cidade.

A praza de Abastos principal segue sen estar ó servizo dos ourensás á pesares de que no último pleno unha proposta do Bloque tentaba rematar con este asunto; proposta que foi aprobada por maioría, pero desestimada polo rexedor. E como todo sigue sen solución pois Jácome non fai caso e, as iniciativas e mocións pásaas polo forro, a Alameda seguirá nun estado de desfeita total. Síguelle na lista o transporte público que está en precario dende o 2015 cos moitos gastos que implica pra as arcas públicas.

Logo o rural do Concello, pois xa non conta para nada e nel min se tapan os buracos que hai nas rúas que están esnaquizadas. A ausencia total da policía local nas vías públicas e o trafico caótico nin se considera un problema, polo que non se lle pon solución. Soamente funciona tendo paciencia como método. E podería seguir sinalando moitas máis cousas que precisan atención.

Dende hai moitos anos, máis de dez, na cidade das Burgas non se afronta un plan medianamente serio que tente pórlle remedios ás grandes carencias que temos como cidade

Pois ben, no último pleno a verba ladrón, “pato cojo” e mentireiro resoou como un insulto por parte do que está na cadeira de mando. Polo que entre o goberno e a oposición o debate converteuse nun diálogo de xordos. O asunto non é novo, ven de vello. Xa non falo da política cultural pois non existe, nin tampouco do peso que Ourense ten nivel galego. Pois está demostrado que temos xa temos menos influencia na Xunta que o concello de Lalín. Pois ben, como neses esperpénticos plenos o que os dirixe non ten a capacidade pra que exista un debate serio e rigoroso, nin ten interese en chegar a acordos pra afrontar as carencias sinaladas, pois todo se limita a chamarlle a quen tenta propor algo serio: ladróns, e outras lindezas sen que o acompañe algunha sentencia que o xustifique. Triste comedia recibe a cidadanía ó ver que acontece nesas reunións.

E diante este panorama, que xa se fixo crónico, está unha oposición que clama dentro do salón polos asuntos importantes, pero que perdeu hai tempo o pulso da rúa. E que ve como os populares, de cando en vez, apoian a Jácome e lle dan oxixeno sabedores de que no futuro, se queren tocar poder, terán que entenderse con el. Pero como nesta cidade tampouco se protesta, nin hai voces discrepantes públicas que, fora do pleno, digan o que pasa, e tampouco existen as Asociacións veciñais, dado que viven contentas coas migallas e as charangas pagadas polo alcalde, o que non debera xustificar o seu silencio, pois seguimos en decadencia permanente.

Hai uns días falando con funcionarios e con persoas de empresa dicíanme; o Concello está nun declive institucional que arrepía. E continuaban afirmando que non se ve futuro nin persoas capaces de facer unha alternativa que prenda na cidadanía pra que esta cidade remonte e supere os máis de dez anos de decadencia nos que está sumida. En fin, cando nun pleno onde se discuten as diversas propostas para arranxar os graves asuntos soamente se di que os ladróns sodes vos, ou se arremete contra a situación persoal dun concelleiro, pouco máis se pode engadir.

Contenido patrocinado

stats