José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
“Landnam”
A TRIRITA
Se non hai millor remedio, hoxe estarei en Vilanova de Arousa. Se o entendín ben, a cita é ás 12,30, na igrexa da Pastoriza, e a convocatoria veu da man da Fundación Valle-Inclán. O obxecto é falar do escritor diante da xente, empoleirado nunha tarima máis ou menos elevada.
Se lles digo o que sinto, pensando en tal convocatoria, confeso que se non é pavor debe parecérselle moito. Falar en público referíndose a un escritor, sendo un tamén do gremio, non debera ser consentido. Falar ben, sen caer na obsecuencia, é unha das tarefas máis pouco doadas que se lle poden ofrecer a un escritor. Adoita reducirse todo a unha serie deses lugares comúns dos que aprendiamos fuxir no lonxano bacharelato humanístico, hoxe xa cadáver. Os escritores, moito máis que a miúdo do que se pensa, de quen falamos é dos outros escritores, xeralmente mal. Élles moi faciliño. Até os hai que ó facelo senten un regustiño que se diría orgástico, que seica se di en italiano e soa ben máis fino.
A verdade é que non saberei que dicir unha vez expresada a miña admiración polo escritor. Ter teño unha serie de papeis (fotocopiados) que me agasallou unha prima miña, por parte de pai, neta do gran amigo e mecenas do escritor Estanislao Pérez. O mesmo que nunca lle fallou a el e tampouco lle fallou á súa esposa, logo da separación matrimonial, nin posteriormente ós fillos habidos entre eles. As lámpadas de Iria daban moita luz.
O que me gustaría saber facer sería unha incursión pola posteridade do autor e a permanencia da súa obra até chegar a estes nosos días amargos, cando os rapaces poden saír do bacharelato sen idea de quen se trata e, o que é peor, sen intención ningunha (enténdase que en xeral) de remediar esa carencia. Antes non había tal posibilidade pois o bacharelato servía pra encanar as nosas vidas dun xeito máis cabal e completo ó nos dotar de instrumentos de combate contra o tedio e a mediocridade.
O caso de Valle-Inclán ofrecésenos a este respecto cunha diafanidade excelsa, se me deixan poñerme algo estupendo, porque son da opinión de que, tendo como ten o noso autor unha importante obra literaria, só a administración pulcra, millor dito pulquérrima, do seu fillo Carlos
En xeral, a morte conducía ó escritor, falando en xeral, cara o esquecemento da súa vida e da súa obra. Salvábanse uns cantos afortunados, ben por razóns políticas ou de oportunidade, ben porque entre os seus deudos había quen se encargaba de administrar en debida forma o legado recibido. O caso de Valle-Inclán ofrecésenos a este respecto cunha diafanidade excelsa, se me deixan poñerme algo estupendo, porque son da opinión de que, tendo como ten o noso autor unha importante obra literaria, só a administración pulcra, millor dito pulquérrima, do seu fillo Carlos (xa dixen como me ía poñer e sigo nelo) puido manter a actualidade dunha obra coma a do arousán, esa que estaremos conmemorando hoxe e podemos seguir celebrando no futuro.
Esta octoxésima idade na que me adentro -esperando completala en debida forma, conste- permitiume constatar como outros escritores cuxas obras foron debidamente valoradas nos seus días desapareceron xa dos andeis das librerías grazas á torpeza dos seus herdeiros, cando non foi en función da mala baba política, dos resentimentos inesperados ou da hipócrita tendencia a condenar por un só erro a entrega de toda unha vida a actividade literaria. Un só erro é abondo pra te conducir ó esquecemento. Non importa cal feito, abonda con que o haxa a xuízo dalguén sen maior renome. O caso do compostelán Neira de Mosquera é un clásico. Autor dunha obra, máis que aceptable, so se recorda del o comezo dunha narración súa: “Era de noche y sin embargo llovía”, pois é tal o esquecemento decretado sobre este autor que a xente do gremio xa cita a frase descoñecendo o seu nome.
Que dicir entón na ocasión que cito e temo? Aínda non llo sei. Acaso da súa enorme forza de vontade, a súa enorme ambición literaria, a mesma que os estólidos rexeitan esquecéndose de que non só e necesaria senón que mesmo é indispensable. A detestable non é ela, senón a cobiza e tal non foi con “Este gran don Ramón el de las barbas de chivo,/ cuya sonrisa es la flor de su figura,/ parece un viejo dios,/ altanero y esquivo,/ que se animase la frialdad de su escultura”. Así comeza o soneto de Ruben Dario que, sendo eu neno, aprendín de memoria pois o lin cada vez que acudía ós xardíns pontevedreses das Palmeiras, esculpido en pedra. Espero que alí siga.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
“Landnam”
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Galicia versus Galiza
Francisco Lorenzo Amil
La Edad de Oro de la filantropía auriense
Alfredo Conde
A TRIRITA
Valle - Inclán
Lo último
O MERENDOIRO
Una ruta mostrará las pinturas de Pala de Cabras
ABANDONO DE LA SESIÓN
La asamblea de los abogados de Ourense no alivia la tensión interna
UNIVERSIDAD COMPROMETIDA
Un “podcast” dignifica al mundo rural en el campus de Ourense
115 ESPECIALISTAS
Ourense, punto de encuentro de la medicina respiratoria