Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Hai persoas que son necesarias. Si, hai persoas que son necesarias e están entre nós, moito máis próximas do que pode parecer ás veces. A Concha, do Breixo, é, sen dúbida, unha delas.
Por iso cando fun hoxe ao Breixo e me dixo a Concha que o deixa, que o vindeiro día 23 de agosto vai ser o seu último día, sentín moita alegría por ela e moita tristeza por nós, como cando te despides dun ser querido que sabes que vas tardar en volver ver.
Creo que todas as persoas que frecuentamos o Breixo compartimos a sensación de que é moito máis que un bar, de que se trata dun lugar moi especial, onde, ao final, case o que menos importa é o beber e o comer, con ser iso moi bo tamén. O sentimento de estar na casa dunha amiga, unha irmá, unha nai, unha avoa, unha moi boa veciña, onde te sentes máis a gusto aínda que na túa propia.
E todo iso grazas á Concha, unha persoa amable, alegre, traballadora, confiábel... Todo iso iluminado sempre por uns fermosos ollos claros e un sorriso perenne. A Concha, do Breixo, soubo conectar con eses infalíbeis ingredientes o seu mundo, onde habitan tamén tres homes moi valiosos –Casi, Pablo e Dani-, con moitos outros mundos da Ponte, Ourense e o resto do planeta, que somos quen de asumir que o noso paso polo Breixo, da Concha, nos fixo sentir mellor moitos días da nosa vida. Por iso somos conscientes tamén de que sempre estaremos en débeda coa Concha, que fixo por nós moito máis do que era esixíbel e esperábel.
Grazas, Concha. Ímoste botar moito de menos. Co teu bo facer estes doce anos fixeches do Breixo o noso lugar no mundo ao que sempre volver, un orgullo para A Ponte e Ourense, un situarnos no mapa con honor, amor e humor. Desexámosche toda a sorte que te mereces nesta nova etapa, para ti e a túa xente. E moita tamén para o Breixo e quen te suceda nel. Vémonos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior
OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas