Vicente Risco, un referente para Galicia

Publicado: 01 oct 2024 - 00:50 Actualizado: 01 oct 2024 - 20:32

Galicia é un proxecto colectivo, a suma dos esforzos de múltiples persoas que, coa súa paixón, talento e dedicación, artellaron o país que coñecemos. De entre esas figuras, destaca sobranceiramente a de Vicente Risco, a quen hoxe celebramos no 140 aniversario do seu nacemento. Un 1 de outubro de 1884, a cidade de Ourense alumeou a unha persoa que entregou boa parte da súa vida para formular o que somos hoxe. Non é de estrañar que toda esa historia tivese como pano de fondo a Cidade das Burgas, pois este lugar acolleu a numerosos intelectuais da Xeración Nós nesas décadas de 1920 e 1930 nas que Galicia era un fervedoiro intelectual, un espazo no que se estaba a cociñar un soño colectivo que tomou forma na nosa autonomía.

Mais tamén foi unha persoa profundamente reflexiva de cara á propia Galicia, describindo con pluma certeira numerosos aspectos da nosa identidade

Esa tarefa conxunta, na que destacan voces como a de Risco, Brañas, Castelao, Piñeiro e Losada, foi desenvolta por persoas que tiveron múltiples principios en común e que, a pesar das súas diverxencias en diferentes puntos, foron quen de priorizar o potencial de Galicia. “Galicia logrou conxugar unha orgullosa defensa do noso cunha desacomplexada apertura cara ao que vén de fóra para mellorar”, afirmou o presidente Rueda no discurso da súa primeira toma de posesión como presidente da Xunta de Galicia. Un dos máximos exemplos desa conxugación é, precisamente, Vicente Risco, quen sempre tivo un ollo posto no exterior, achegando voces como a de Apollinaire, Rimbaud ou Verlaine ao noso país ou, no seu lendario Nós, os inadaptados, marcando unha liña continuadora do legado dun autor francés como Huysmans.

Foi, en definitiva, un home coa mente aberta cara ao exterior, capaz de se impregnar do pensamento europeo para atraer cara a nós as innovacións e os estilos máis modernos. Mais tamén foi unha persoa profundamente reflexiva de cara á propia Galicia, describindo con pluma certeira numerosos aspectos da nosa identidade, como cando afirma que “a nosa coleutividá natural é a parroquia, núcleo pequeno, sempre de menos de oitocentos veciños [...] eran os pequenos clans dos nosos abós”.

Risco, cun talento innato para a escrita e o pensamento, estableceu desde o catolicismo, o tradicionalismo e o atlantismo, os principios do nacionalismo galego, sempre cunha ollada conservadora que observaba en Galicia unha terra cun enorme potencial ligada ao mantemento de todo o que nos caracterizaba, sermos unha terra de mariñeiros e labradores, un país cunha forte conexión coa terra e que garda unha relación moi intensa co cristianismo, que adopta múltiples facetas.

En definitiva, homenaxear a quen nos trouxo até este punto exacto da historia. A todos eles llelo debemos

A pesar de todas as persoas que deostaron a Risco, especialmente desde o ámbito do BNG e da UPG malia ter sido a base dos postulados de Castelao, o seu pensamento segue vivo e o seu legado ha de ser reivindicado sempre, pois sen el, Galicia, presumiblemente, non sería o que é hoxe. O seu papel e as súas reflexións foron fundamentais para asentar os piares da Galicia do século XXI, por iso, precisamente, foi un referente nos discursos de presidentes como Fraga Iribarne, quen o citou como un exemplo “do mellor galeguismo”.

En días coma este non debemos, senón, facer unha homenaxe ao seu legado, ao de homes e mulleres como Vicente Risco que transitaron pola Historia con maiúsculas traballando sempre en prol do noso. Persoas que iniciaron ou continuaron un vieiro de traballo que nos levou a acadar as cotas máis elevadas de benestar social, de autonomía e de proxección exterior, obxectivos todos eles que formularon desde mediados do século XIX os nosos intelectuais e que hoxe atopan continuidade na Xunta de Galicia. En definitiva, homenaxear a quen nos trouxo até este punto exacto da historia. A todos eles llelo debemos.

Contenido patrocinado

stats