Vida intensa e futuro incerto

Publicado: 21 nov 2025 - 06:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región

Estamos a vivir unha época onde o absurdo, o humor negro, o caos e a violencia predominan nas narracións cinematográficas. Bugonia de Yorgos Lanthimos, Una batalla tras otra de Paul Thomas Anderson, Bala perdida de Darren Aronofsky, Eddington de Ari Aster ou incluso Sirat de Oliver Laxe son algúns dos títulos que transitaron recentemente na carteleira do cinema comercial. O presente descrito nestas películas é cada vez máis ilóxico, e os seus protagonistas están envoltos en narracións extremas, surrealistas. Os cineastas parecen incapaces de relatar o presente con narracións claras e coherentes. Sérvense dun espello deformante para reflectir as inquietudes dunha sociedade sen rumbo.

Para poder avanzar, temos que mirar de vez en cando cara o pasado e non só ao futuro

Dentro deste panorama singular hai excepcións – moi poucas. Unha delas é Los colores del tiempo de Cédric Klapisch, unha rara avis cinematográfica que se sitúa nun territorio de reflexión completamente diferente. A película intenta relatar o presente dialogando co pasado. Los colores del tiempo desenvólvese en dúas liñas temporais, na París do 2025, e na de finais do século XIX. A unha trintena de persoas dunha mesma familia infórmaselles de que van herdar unha casa abandonada situada nuns terreos onde o concello quere edificar un enorme centro comercial. Catro deles, que non sabían ata aquel momento de ter vínculos familiares entre sí, reciben o encargo de facer o inventario da casa. Alí, entre antigüidades e cartas manuscritas, atópanse cunha misteriosa antepasada, Adèle, que abandonou a súa Normandía natal aos 20 anos para viaxar ao París de finais do século XIX, en plena revolución industrial e cultural, cando apareceu a fotografía e naceu o Impresionismo.

Fronte á mirada desencantada e cínica que emerxe das películas que citei ao principio, sorprende a poética aparentemente inocente de Klapisch. A través do filtro da comedia, reelabora algúns dos mitos da historia francesa cumprindo unha viaxe ata as orixes da modernidade. O cineasta describe a Belle Epoque como un período histórico onde se produciron cambios radicais na sociedade, onde a chegada do fotografía, do cinematógrafo e da electrificación das cidades, provocaron unha auténtica revolución na vida e nas formas de sentir. Ao mesmo tempo o pasado, indícanos o cineasta, estaba cheo de incertezas, ao igual que agora é a nosa percepción do presente. Por iso, para poder avanzar, temos que mirar de vez en cando cara o pasado e non só ao futuro. Los colores del tiempo pode recordar, polo feito de ser contada en dous liñas temporais diferentes e - en parte - polo humor, a Midnight in Paris (2011) de Woody Allen. Pero Klapisch afástase dos tópicos de París. O cineasta francés, especialista en contar e dar valor aos detalles aparentemente insignificantes da vida cotiá, consegue evitar o imaxinario estereotipado de cidade. París segue mantendo unha esencia e poeticidade, sen converterse nunha postal, incluso cando nos ensina a Torre Eiffel a través dos ollos de Adèle, dános a impresión de vela por primeira vez.

Los colores del tiempo é un filme para todo tipo de públicos. Pode ser unha resposta, igualmente válida e sen dúbida sólida, a un presente que vira cara a un futuro cada vez, quizais só aparentemente, máis incomprensible.

Re(corten)

“Fomos ficando sós” estrea en Ámsterdam

O filme “Fomos ficando sós” de Adrián Canoura tivo a súa estrea mundial na sección Luminous do prestixioso Festival Internacional de Cine Documental de Amsterdam que ten lugar entre o 13 e o 23 de novembro. A primeira longametraxe de Canoura, producida por Zeitun Films, aborda unha travesía íntima entre o propio cineasta e o seu pai, a bordo dun barco pesqueiro rumbo ao Gran Sol. O director embárcase non só nunha viaxe física, senón tamén emocional e sensorial, para comprender a vida mariñeira, a herdanza do oficio e os silencios que habitan entre ambos.

Contenido patrocinado

stats