O vinte de novembro

Publicado: 19 nov 2025 - 04:05
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Moitos dos que agora son vellos ou están metidos e comprometidos coas viaxes do Imserso, lembran como aquel vinte de novembro de 1975, os quioscos das cidades marcaban o loito e a tristeza dos que mandaban e querían seguir mandando. As portadas e contraportadas de tódolos xornais eran de cor negra, como se a morte de Francisco Franco Baamonde puidera escurecer as rúas e os cruces das cidades. A moitos gustaríalles escurecelo todo, deixar máis opacidade e incerteza da que había.

Os estudantes universitarios, pola contra, aquela mañanciña repousaron felices, na cantina da facultade, moitos deles co que se bebía daquela, un `sol e sombra´ e outro ou un par deles máis. Empezaba unha era nova, morrera o ditador e procedía reforzar os medios que achegaran a democracia, que aclarasen a escuridade daqueles xornais tinguidos de lamentos e de negro.

Cincuenta anos son suficientes para que a maioría da mocidade non saiba, nin recorde a aquel ditador rodeado de subordinados adulóns, que medraban ao seu carón

Hai quen pensa que escolleron o día vinte para que coincidira co cabodano de José Antonio Primo de Rivera. Quen sabe, pode ser esa a razón ou pode ser calquera outra. A sociedade estaba farta de esperar e, aquel mesmo día, as rúas ateigáronse de xentío. A mocidade esperta estaba farta e festexaba educadamente o falecemento.

En Galicia, ao longo de todos estes anos (ata o seu pasamento en 2023), Senén Pousa, alcalde de Beade (Ourense) era como o encargado de preservar a memoria de Franco. Unha misa anunciada no xornal, uns abrazos e un xantar, cada ano, polo vinte de novembro. “Eu teño as miñas ideas e os meus principios e non cambio por nada”, dicía. “Veño do franquismo, pero son un demócrata”, engadía Senén Pousa, laiándose daqueles que eran franquistas como el e agora son socialistas “de toda a vida”.

Cincuenta anos son suficientes para que a maioría da mocidade non saiba, nin recorde a aquel ditador rodeado de subordinados adulóns, que medraban ao seu carón. Nas escolas e nas universidades ninguén se lembra daquel home, daquel mandatario, servidor dos seus. Hoxe vén a esta sección pola proximidade do vinte de novembro e por outro detalle que, antes de acabar, vamos contar.

A mestra pregunta, na súa clase de sociais, se sabían quen era Franco e unha alumna di, “era o avó de Carmen Rossi”, “ao que o Goberno vén de facerlle unha homenaxe”, asevera o compañeiro de pupitre. “Aí queda iso”, di a Tía Manuela.

Contenido patrocinado

stats