A violencia contra as mulleres

As estatísticas adoitan reflictir un estado da situación no campo que abarcan e aínda que ás veces sexa insuficiente para coñecer a fondo a realidade, dan unha idea definida de por onde van as cousas. Neste senso resulta ilustrativo o traballo sobre denuncias por agresión sexual que acaba de ver a luz neste xornal firmado por Monchi Sánchez -a pluma máis solvente e mellor documentada na crónica xudicial en moitas leguas á redonda-. Nel dá conta do incremento de casos por agresión sexual que se ven nos xulgados ourensáns nos últimos anos.

O número de denuncias presentadas, representan pouco máis do once por cento do total. Ou sexa, apenas a punta do iceberg da dura realidade

Autoridades e expertos na materia coinciden en que a triste progresión débese á evolución da sensibilización das vítimas á hora de acudir a comisarías e xulgados e non ao aumento real de accións de violencia sobre a muller. A coincidencia no sesgo que utilizan as voces máis autorizadas obliga a crer que están no certo e eso podería dar pé a un razonable optimismo fronte a esta lacra. Mais, tampouco convén enganarse, pois eses mesmos expertos admiten que os casos que chegan ás estatísticas oficiais, ou sexa, o número de denuncias presentadas, representan pouco máis do once por cento do total. Ou sexa, apenas a punta do iceberg da dura realidade.

Aceptando a proxección que se fai do número de violacións e agresións sexuais, topámonos de fronte contra a durísima realidade e ca hercúlea tarefa que queda por diante para acabar con unha lacra inasumible como sociedade, con tantas vítimas que teñen nome e apelido, aínda que non as coñezamos, que deben seguir desenvolvéndose na vida arrumbando cos efectos do drama persoal que supón sofrir un episodio de tales características.

Aceptando tamén que as denuncias son capitais e que estas cheguen máis pronto que tarde a corresponderse co número de agresións -agora mesmo un soño imposible-, lograríamos que as vítimas teñan atención e axuda para superar o trauma vivido, pero non significa de ningunha maneira que teñamos acabado con violadores e agresores, que é o cerne da cuestión. Para progresar nesa senda fará falla empeño decidido e diñeiro, moito diñeiro.

De momento estamos abocados a un panorama pesimista, tanto máis, cando certificamos que non é un problema exclusivo da sociedade española, senon que outras do mundo desenvolvido -con vitola máis antiga e lustrosa que a nosa- resulta que no que atinxe á salvagarda da integridade das mulleres teñen cifras parecidas ás de España, cando non piores. Nalgún deses países ata disfrazan as estatísticas abonando o engano e a hipocresía colectiva. Case como os imbéciles negacionistas patrios.

Contenido patrocinado

stats