Ricardo Tena
Borrasca… según para quién
ARTE ET ALIA
Este carballo e mais eu estamos feitos da mesma materia, escribiu fai uns anos Carl Sagan, o famoso astrofísico, nunha das súas didácticas conferencias. Todos somos, todo é, po de estrelas. Eis neste o contexto da vida, a partir do coñecemento, e dende a súa consciencia, modestia e humildade pois, que vimos da mesma fonte. E para nosoutros de Ourense, Galicia e todo o norte deste reino das Españas en xeral -xentes de países arbóreos-, que vivimos nuns espazos de verdor, cunha manchea de árbores preto. Entre a masa forestal destaquemos arbores senlleiras de nós, sobreiras, castiñeiros, piñeiros e carballos... Entre estes valoro dun xeito especial, que o carballo de Padroso se incluíse no catálogo da Xunta de Galicia como “árbore senlleira”, DOG, 10.XI.2025, un feito bendicido dobremente por Bieito Ledo, no ameto da súa casa en Xunqueira de Ambía. Entre aquela e o carballo, o Camiño de Santiago. Das xuntanzas con senlleiros amigos de Bieito, xurde o letreiro “Abrázame”, do artista Antón Pulido, un a modo de comuñón coa natureza. É recente o encontro festivo anual, con poesía, música e comida compartida, un sentir singular arredor da árbore e a carballeira circundante, xaora cunha Fundación en marcha.
Outras virtudes teologais arredor das árbores achámolas no terreo creativo das artes plásticas, pois con elas se expresan moitos artistas.
Outras virtudes teologais arredor das árbores achámolas no terreo creativo das artes plásticas, pois con elas se expresan moitos artistas. Xosé Luís Otero empregou con determinación relevante trabes da antiga capela familiar en Nocelo da Pena/ Sarreaus, en Silenzo de Deus, 2022, pezas estruturais recuperadas do incendio acaecido no tempo da desecamento da lagoa de Antela. Impactáronme polo contexto da transposición do persoal alí na cabeceira da igrexa xesuítica da USC, diálogo potente con paralelismo poético de seu. E tamén para A Viagem, 2023/2024, en Castelo Branco, Portugal, coa recreación a grande escala da barca-maseira, utilizada na desaparecida lagoa, utilizada como símbolo de memoria.
Xosé Cid e Cochorro nunca abandonaron a talla e o trato agarimoso e doce coa madeira ben puída, que así o fai tamén Piquico, o escultor do Entroido vestido, quen dende madeiras brandas, transforma as máscaras-tótem de nós nun vizoso mobiliario. Así Luís Estévez, en bustos femininos e figuras de porte. Hai logo artistas como Florencio de Arboiro, quen cal Thoreau polo respecto da natureza, prefería recoller nos ríos ou encoros da súa terra ourensá da Ribeira Sacra, o refugallo, sendo un dos primeiros en valorizar esta orixe; xeito de ser que segue Moxom, para quen é preferente, aceptando o ser da pola achada para emprender coa navalla a labra, axeitando a forma dos objets trouvés até o límite. Ten intervido in situ en Vilariño Frío/Montederramo o vello carballo desmouchado facendo aparecer unha dona dende a talla. En Álvaro de la Vega é material monográfico, con frecuencia de piares vellos das bateas do mar de Arousa, como se viu en “Oxímoron. A árbore da vida”, en 2022. E Tino Canicoba, que gusta en traballalo con motoserra e policromía. Outro é o sentir de Francisco Remiseiro, pautado coa talla e puído para expresar fondos conceptos. E nestes días Jesús Costa expón figuras cativas construídas por adición, inspiradas en Medea, para entenderse coa mitoloxía grega.
Contenido patrocinado
También te puede interesar