Sender Escobar
La cosecha familiar
E dicíalles que o día 11 de novembro de 1949, no teatro Avenida, ás doce da mañá, Otero mencionara a Castelao -a quen vira había só uns meses na Arxentina-, o público aplaudira e as autoridades rabiaran.
E imos co documento. Leuter González Salgado escríbelle ao seu amigo Ramón Vilar Ponte -sempre houbo unha conexión estreita entre os galeguistas de Ourense e os de Viveiro- o día 5 de decembro de 1949. A carta consérvase, dentro do fondo documental dos Vilar Ponte no Arquivo do Parlamento de Galicia, co número AV 11 275. O motivo inicial era darlle conta dun reenvío que fixera Leuter a Raimúndez a Londres dun material de Ramón Vilar Ponte para radiar nas emisións galegas da BBC, pois, como é sabido, son Leuter e Ben Cho Shey os que inician a tarefa de correspondentes. Di Leuter: “Dende logo o teu traballo está alá e d’el acusou recibo Raimúndez e sei que é un d’os primeiros que se ha de dar. Oxe é lus e non sei si radiarán o novo programa; si non será pro lus que ven. De todol-os xeitos ti recibirás aviso telegráfico da emisora. As demoras obedecen sempre á confección do programa e encaixe dos traballos; mais non te preocupe a demora”.
Pero axiña, entre “irmáns”, dálle conta ilusionado do acontecido semanas antes. “O de Lamas ren de particular ten. Orgaizado e dirixido oficialmente se non podía agardar outra cousa. Certo que sirveu pra pór de mostra a súa incapacidade, pois tiveran que botar man dos galeguistas, dos que o son e dos que inda o levan dentro a pesares dos seus feitos”. Sen dúbida este “botar man dos galeguistas” é unha forma de velo. Quen bota man? Non, desde logo, políticos da primeira liña, senón funcionarios de educación e xentes próximas ao amplo mundo dos amantes de Prado Lameiro e da figura de Lamas. Esta claro que Risco é o inspirador da frase “e dos que aínda o levan dentro, a pesares dos seus feitos”.
E segue: “Ramón, como sempre, formidabel na presentación de Filgueira, valente no inolvidabel discurso do Avenida, coa lembranza de Daniel arrincando a máis formidable ovación d’un auditorio emocionado. Tanto así, que provocou unha reaicion dos d’enfrente o que se manifestou pol-o serán, no xardin, frente a efixie do poeta e despois d’o outro discurso de Ramón, na nosa lingua, en meio dunha considerabel moitedume. Que xesto formidábel o d’iste pobo, alí xunto, apertando os beizos, con máis indinaceon que indeferencia, sen mans ergueita cando nos quixeran arrastrar pol-o medo a seguir o canto do himno da traxedia, faguéndolles coro as chamadas autoridás! Dende entón coido que podemos ter fé no porvir”.
Ou sexa ninguén levantou a man cando cantaron o “Cara al Sol”. Un “xesto formidable”. “Dende entón coido que podemos ter fé no provir”. A interpretación é unívoca, o ridículo feito polas autoridades. Pero segue con algo que aínda non dei localizado: “Un xornal clandestino-oficial, arremeteu contra nós calificando os actos realizados de galeguistas, pretendendo faguer mofa da ‘gaita’ e dos ‘gaiteiros’ que inda soñan con espertar. O que non contaban o e que pola súa incompetencia tiveran que cair nas mans dos ‘gaiteiros”. Que xornal clandestino-oficial? Algunha publicación falanxista ou similar? A ver se o topamos. En calquera caso, fala da derrota moral deles. Para concluír a carta dille a Villar Ponte: “A BBC adicou a emisión do día 14 o centenario en lendo traballos de Ramón e de Floro. Eu din o aviso os xornaes, mais somentes o publicou o Faro. O d’eiquí, que formaba parte da Comisión, prometeu dal-o, mais houbo ordes en contra”. En Vigo, non estaría o ambiente tan caldeado como en Ourense. Desde logo, unha vitoria en toda regra. Os de Ourense mobilizaron en favor de Lamas ata a BBC. Con razón dicía iso de “podemos ter fé no porvir”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
RESCATE DE LOS MILITARES
Kuwait confirma que varios aviones militares de EEUU se han estrellado en su territorio
PIERDE LOS 18.000 PUNTOS
El Ibex 35 se desploma un 2,9% en la apertura tras el ataque a Irán