Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
A de Ourense tivo árbores no XIX e neste mesmo século houbo nela tamén una fonte monumental, que foi traída de Oseira tralo proceso desamortizador que expulsou aos monxes, mais todo acabou por desaparecer, sendo conservada a esvelta fonte monástica no extremo S. da cidade, trasladada até o xardín do Posío, no recuncho do bosque. Aquí pintouna en 1931 o pontevedrés de Forcarei Virxilio Blanco Garrido, cadro que consta nos fondos da entidade crediticia de Abanca e ben podería estar aquí, o que revelaría coñecer a súa importancia polo comisariado, dado o tema da exposición e a importancia para a cidade como cadro documental.
A fonte era a portada da senlleira revista “Posío. Arte y Letras”, 1951-1954, de efémera presenza e poderosa pegada, na que latexaba o fío da Institución Libre de Enseñanza por ser José Rius a súa alma mater, como escribiu Segundo Alvarado Feijoo-Montenegro, do que tamén sabía que coñecera a García Lorca, como escribiu co gallo da edición facsimilar, deixando escrito os versos de Verlaine “Je me souvien des jours anciens/et je pleure”, con mágoa do fin daquela Ourense Atenas galega. A fonte, instalouse finalmente, ata agora, no conveciño xardín da praza do bispo Cesáreo, diante dunha importante sucursal do banco.
E no senlleiro edificio con apliques cerámicos de singulares columnas e os máis que fermosos capiteis, noutrora propiedade de Fermín García, con fachada que se abre á luz do leste da praza cada día dende 1909, áchase o lugar de exposicións do banco, na que dende fai semanas exhibe unha acaída escolla selectiva centrada na natureza, e baseada nos seus fondos de arte procedentes, polo xeral, das antigas Caixas de Aforros de Ourense, Vigo, e de A Coruña.
Para conmemorar o 10º aniversario da división cultural, Afundación, montou cadansúa temática concreta para as sete cidades capitais do país galego, baixo o paraugas común de Simultánea. Aquí hai e agora 39 artistas e 42 obras, catro delas esculturas... No nivel de entrada danos a benvida Antonio Quesada, nado aquí, que viviu cando novo na casa familiar, a cento cincuenta metros da sala. Preside esta Mañana luminosa de Frau.
É de salientar a presenza dun Ovidio Murguía de Castro e dun Parada Justel, dous dos artistas da infausta Xeración Doente, fin de siècle. Dous Antonios, Fernández e Murado, comparten espazo con Avendaño, Bello Piñeiro ou María Antonia Dans, colocada nun recanto. Tamén hai un Virxilio, óleo en bandas cromáticas de cando vivía na Rabeda,
No soto, densamente poboado tamén, Lloréns, Castelao e Taibo danse a man con Fierros, Avendaño, Souto e Imeldo Corral ou Mampaso e Lodeiro, e unha delicada peza de Matamoro. Destacan con luz propia Camiño vermello de Antón Pulido e Flowers to Andy de Basso, e as dos fotógrafos Xulio Gil, cunha obra da serie Retablos Esenciales, en asimétrico modo políptico, Xoán Anleo e o Lejano mar interior de Vilariño. Nos recunchos finais, Berta Cáccamo e Pamen Pereira, cun acaído Bosque de fumo sobre papel.
Ao saír quedei a pensar na ausencia de Vidal Souto. A súa Paisaxe do Sertão, que está na Caixa trala súa exposición no mes do Nadal de 1986 na súa sala do baixo da Torre. Antes de calquera cousa é necesario comprender a utilidade psicolóxica do espello das augas, que diría Bachelard.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
AL MENOS UN HERIDO
Una colisión entre dos coches provoca retenciones en Rabo de Galo, Ourense
CÚMULO DE LESIONES
Totó, el pulmón del Allariz
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior