Votar por convicción, votar por resignación

Publicado: 08 oct 2026 - 03:10
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | José Paz

O 29 de novembro, o electorado de esquerda de Ourense volve afrontar unha elección incómoda. Votar para evitar un mal peor non equivale a apoiar un proxecto que mereza confianza. Vivenda, poder adquisitivo, atención sanitaria, coidados e oportunidades para imaxinar un futuro na provincia deberían ordenar a oferta política, pero custa recoñecer unha alternativa que relacione esas necesidades e explique como atendelas. Hanna Pitkin, clásica da teoría da representación, situou o criterio na actuación polos intereses da cidadanía e na capacidade de responder a eles. Ocupar institucións non abonda. O voto útil pode concentrar apoios sen espertar entusiasmo. Ourense merece unha esquerda coherente, capaz e mobilizadora, que dea motivos para votar por convicción, non por inercia.

A actuación do PSdeG nos orzamentos de Jácome resulta indefendible. Abandonar o pleno do 1 de outubro e facilitar a aprobación das contas que condenara e impugnara constitúe unha abdicación política. A protesta escenificada polas concelleiras socialistas acabou servindo ao alcalde. A inflación de publicacións nas propias canles non acredita influencia social nin capacidade para cambiar a axenda. As propostas precisan continuidade, coherencia con outras iniciativas, trazabilidade, viabilidade e perfís capaces de impulsalas. Demasiadas esmorecen tras o anuncio, até que alguén as rescata meses ou anos despois para presentalas de novo. A presenza en librarías e os actos de memoria non compensan a desconexión coas inquedanzas da veciñanza nin as derivas que reforzan a quen din combater.

Nas xerais eliximos listas provinciais, cuxos integrantes deben render contas. No balance “7 anos de Goberno de Pedro Sánchez, 7 anos de avances para a provincia”, a deputada e o senador socialistas enumeran realizacións do Executivo como comerciais de Pedro Sánchez, sen explicar que reclamaron nin conseguiron de seu. O traballo mancomunado de alcance xeral que exhiben nos perfís institucionais non acredita axenda propia. Besteiro acompañou o inicio das obras do centro de regulación ferroviaria de San Francisco. Na inauguración da marquesiña da estación, o subdelegado posou coa parlamentaria autonómica e a voceira municipal do seu partido. Igual que o PP, exercen de franquiciados do centro. Teñen que trasladar urxencias provinciais a Madrid, non converter Ourense nunha sucursal publicitaria do líder.

O BNG debe converter a súa oposición nunha alternativa recoñecible e con garantías para cidade e provincia. A proposta de declarar Ourense zona residencial tensionada aborda unha urxencia real, pero necesita continuidade e encaixe nun proxecto que conecte vivenda, emprego, mobilidade e atencións, con actuacións, recursos e apoios concretos. Esa alternativa tamén require certa disposición construtiva. Negociar melloras parciais, aceptar acordos e revisar posicións cando a realidade o esixe forma parte da responsabilidade de cambiar o país. Un pragmatismo orientado cara o benestar cidadán, sen facer de cada negociación unha proba de pureza ideolóxica. A oposición gaña credibilidade cando explica que pode lograr, como e con quen. Ourense precisa desa capacidade, ademais da identificación cun proxecto galego.

Á esquerda do PSOE, un arranxo entre organizacións exiguas tampouco constitúe unidade. Sumar, sen estrutura local, apóiase en Ourense Mellor, pequeno partido nacionalista de paternidade ben identificada, que agroma só nas municipais. Equo e Recortes Cero engaden achegas minúsculas á fórmula. Faltan Esquerda Unida, colectivos e movementos sociais, entre outros. Este pacto municipal non resolve a oferta estatal. Nas precedentes xerais concorreu Sumar Galicia, froito dun acordo apresurado, precipitado polo adianto electoral, sen impacto nas urnas. Agora cambian novamente os socios sen acreditar unha alternativa consolidada. A esquerda non se constrúe irrompendo só de comicios en comicios. Fai falta traballo continuado e de base que vaia alén dos propios asinantes.

En 2023, o PSOE provincial perdeu un dos dous deputados obtidos en 2019. Aínda que de fachada se renove algunha cara, o problema persistirá na cociña do partido, onde seguen os mesmos que lastran desde hai décadas as posibilidades de cambio e éxito da socialdemocracia ourensá. Peter Mair analizou o afastamento social dos partidos aferrados ás institucións e como a conservación de posicións e o control do aparello desprazan a representación cidadá. Certo que o bloque dereita-ultradereita tampouco ofrece un proxecto provincial recoñecible nin perfís acaidos, pero a súa nula fragmentación facilítalle concentrar apoios. O 29N deixa á esquerda moi pouca marxe. Os ourensáns progresistas merecen exercer o sufraxio por convicción, sen que o voto útil perpetúe a resignación.

Contenido patrocinado

stats