Luis del Val
Lo imperdonable
PENSAR POR PENSAR
Ao comezo das eleccións fun a Llerena para asistir a unhas xornadas sobre a memoria esquecida do POUM nos anos trinta do pasado século. A historia de entón sobrevoou sobre as impresións e comentarios respecto da presente contenda. A variedade de opinións nos círculos, de expertos e oíntes de moitos puntos de España, resultou enriquecedora á hora de axuizar e comparar as distintas formas de enfocar o panorama político actual e as similitudes co auxe progresista durante a Segunda República, liquidado co golpe de estado militar e a ditadura. E falouse da insuficiencia de literatura divulgativa que empuxa a unha importante parte da mocidade para considerar que aqueles tempos, sufridos por moitos dos seus avós ou proxenitores e gozados por unhas minorías, foron idílicos.
Escoitando as experiencias narradas sobre o POUM, analizando os escritos que sobreviviron nos arquivos e lendo algúns dos ensaios publicados acábase por comprender que hoxe unha parte poderosa da nosa sociedade permanece ancorada en formulacións sociais de principios do século XX. E sorprende que tratar de reproducilos agora, con terminoloxías sucedáneas, non é unha simple repetición da historia non aprendida, é a imposición de intereses das clases dominantes propensas ao inmobilismo por riba do progreso xeral. Non, non se trata da lexítima contraposición de dereitas e esquerdas, pretenden o dominio do sistema usando a ignorancia inducida. Por iso é polo que escoitar as proclamas de Vox contra a “ideoloxización cultural”, pisada pola súa censura ideolóxica de extrema dereita, retrotráenos ao pretérito republicano analizado nas xornadas de Llerena.
De regreso desempoei “Los pazos de Ulloa”, de Emilia Pardo Bazán, e “El disputado voto del señor Cayo”, de Miguel Delibes
De regreso parei en Madrid e camiñando polo Paseo de Rosales co meu amigo o lúcido editor Jesús Tablate entretivémonos falando de libros e cultura en xeral neste tempo de movementos convulsos. Estivemos de acordo en que a gran maioría de políticos da carteleira electoral non len libros. Resultounos imposible imaxinar a Miguel Tellado intercambiando unha boa novela con Santiago Abascal. Entón lembrei que Miguel, nunha intervención televisiva, non foi quen de nomear o seu libro favorito e como ao seu heroe admirado -de ficción?- sinalou a Núñez Feijóo. A este último non conseguimos velo lendo a Séneca ou a outro filósofo clásico ou moderno. Non cremos que lea libros. Tampouco nos cadraban, enchendo o seu lecer coa lectura, tipos da caste de Ábalos ou Cerdán. Coincidimos en que son excepcións quen na carteleira da clase política compran libros para ilustrarse. Ou polo menos paréceo.
De regreso desempoei “Los pazos de Ulloa”, de Emilia Pardo Bazán, e “El disputado voto del señor Cayo”, de Miguel Delibes. Dúas grandes novelas sobre dous tempos electorais diferentes deste país, que manteñen unha vixencia extraordinaria como luzadas da mentalidade que nos atenaza. Dona Emilia retratou con mestría os cambalaches e fraudes electorais dos caciques do século XIX. Un aviso literario que as novas fornadas dalgúns políticos debesen aprender antes de poñer en cuestión o moderno sistema de control dos votos do que gozamos. Non, a fraude electoral xa non está vixente, por moito que se invoque. Con “O disputado voto...”, ao comezo da Transición, Delibes avisounos da sabedoría ancestral da cidadanía á hora de elixir as papeletas das súas preferencias. Coido que os manipuladores tamén debesen lelo para non levarse unha decepción na noite do reconto. Ensinanza: se eses políticos lesen, outro galo cantásenos. Para dar exemplo, o vindeiro domingo vaiamos votar cun libro na man.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luis del Val
Lo imperdonable
Xose A. Perozo
PENSAR POR PENSAR
A votar cun libro
Itxu Díaz
BITÁCORA DE CAMPAÑA - DÍA 13
La tensa espera hasta el debate a cuatro
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
El sanchismo contra Felipe
Lo último