Gabriela Rivera e Xabier Fernández, dupla exposición fotográfica en Alterarte

Publicado: 03 feb 2025 - 00:20

Esta é unha sala que, coa expresión artística como camiño de coñecemento na base, concita sensacións únicas na cidade dende a súa programación na que os distintos comisarios configuran mostra a mostra as direccións, dende unha coordinación xenérica, coa liberdade e a calidade nas propostas como pedras angulares.

Este é o segundo curso docente no que o profesor e artista Javier Blanco Sierra dirixe este escaparate de propostas baixo o concepto «Reciprocidade», que agora, no comezo do segundo cuadrimestre chega ao cumio con «A Pel. Epílogo» e Xosé Lois Vázquez Pérez na curadoría.

Vai dunha singular proposta dobre e bicéfala, en sala o fotógrafo vigués Xabier Fernández Comesaña (n.1980); e no exterior do edifico, a de María Gabriela Rivera Lucero (Santiago, Chile, n. 1977), en paralelo ao enlousado camiño do Paseo da Igualdade que vai entre edificios e xardíns cara o reloxo e as facultades.

De metáfora pódese cualificar a presenza na senda que vai para o Paseo da Igualdade e o reloxo desta artista, un camiño como o que a trouxo dende o oeste austral dun dos países máis longos do mundo até Cinctorres, Castelló, Comunitat Valenciá, no leste peninsular. Alí vive e está a cursar o doutorado en Arte na Universitat Politècnica de València, e o máster de Fotografía, Arte y Técnica e o de Producción Artística. Co-fundadora de organizacións de artes, fotografía e activismo feminista en Chile, e actualmente en Almáciga, de dinamización cultural rural, as súas son propostas plásticas dende un enfoque crítico e autobiográfico de temas como migración, maternidade, morte, violencia de xénero visibilizada que artella coa creación fotográfica en/con performarce. Esta do campus ourensán, Epílogo 2, e unha máis das súas series fotográficas e instalación.

Así este Bestiario de Femias está na liña de Bestiario, 2012-2015. Outras teñen sido Cría Cuervas, 2016; Maternidades culposas, 2015; ou Muñeca inflable e Chica de calendario.

Eis Epílogo 1 a exposición de Xabier Fernández Da aparencia á aparición. Este é un artista de habitual presenza no festival do Outono Fotográfico, e así no de 2016 estivo na súa cidade natal con Parede branca, na galería Sargadelos, na que amosou a interacción entre foto e soporte, con pezas sobreimprimidas y superpostas de paisaxes nas que houbo incedio, ás que engadiu unha instalación con cinzas e o monde de Sabucedo, que tan ben coñece polos aloitadores da rapa das bestas anual, alegoría do círculo da vida. Aquí hai algo delo, véndose de xeito tenue as formas vexetais que presenta con vocación iconográfica expresa e, a carón, outras pezas en branco con sutís sombras nos seus límites. Ademais, inclúe unha instalación cun espello, no que podemos vermos diante das obras, face e envés, ou escamoteo da presenza ao saírmos do ángulo. Eis o fértil tema da percepción, tan reflexivo na distancia do ver/ollar, captar ou non nas néboas que nos circundan o camiño preciso.

Con elas, neste tour de force, Xosé Lois, como comisario, tratou que tiveran “códigos para descifrar aspectos do contemporáneo en temas cruciais, coma o valor da vida confrontada á morte ou a presencia da violencia de xénero na linguaxe cotiá”, sen que o fotográfico estrito senso non se perda de vista. Despídese así no ronsel Outono Fotográfico, con fotografía, como non podía ser menos nun espazo icónico para el, dende a Universidade, un altofalante cara a sociedade.

Contenido patrocinado

stats