Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
En Santa Baia de Golpellás, vive Baldomero Moreiras, co corredor da casa cara poñente, entre o silencio das árbores e a sombra da igrexa conveciña. Aquí elabora o seu dicir plástico, coa música por medio, e a liberdade creativa na fronte dende o valor do coñecemento. Dende a arxila cerámica aos pinceis, con acuarela, óleo, acrílico ou cartolinas de cor ten ido expresando a súa canción reflexiva en distintos soportes. Leva agora así unha escolma ata A Escola, en Figueiredo, ao N do mesmo concello, na que converxe nun espazo de ensino a carón do berce, ámbito didáctico docente/discente de transmisións de saberes. Un xeito de facer coincidir arte e o coñecemento. E tamén unha reivindicación do rural. Alí exhibe no primeiro andar, carteis que fixo para diversas festas do viño, caso da de Monterrei, do albariño en Cambados ou a do Ribeiro en Ribadavia, engadindo tamén a do pemento de Arnoia ou a do festival da sidra en Nava. Centra o conxunto o branco collaxe en relevo do busto-retrato do celanovés Curros Enríquez que Asorey fixera en xeso co gallo do concurso para o monumento ao gran poeta en A Coruña, esa luz..., proclamando á par a súa raíz natal. Con eles está o da Ponte Nova de Ourense, elaborado para o diario La Región que quixo conmemorar o centenario da construción dela con este tema monográfico proposto a diversos artistas, e que deu unha colección de láminas, merecente de ser recollida nunha publicación.
Mais alá de compartir o aprecio polo chocolate, que non deixa a ninguén indiferente, por máis que poda gustar pouco ou moito, o que é innegable é o dúctil que resulta traballalo polos creativos artesáns nesas tan elaboradas pezas que se fan para a Pascua de Resurrección cada primavera arredor do ovo, principalmente, e doutras variacións formais. Abondan noutras terras do reino, polo xeral, estas obras de arte para o padal. E os artesáns reposteiros de Allariz Fina Rei, cun acreditado savoir faire no campo, está a ter coa arte como gnomon do reloxo un cambio de rexistro no último ano pois fixo un patrocinio privado de Estudos Abertos de Ourense, esperanzada acción que sacudiu na primeira convocatoria a ataraxia de parte do mundo local no eido plástico a catorce ateliers/ espazos e vinte cinco artistas. Foi visibilidade empresarial e apoio, unión de repostería e arte, plan iniciado tempo atrás cos mestres Miguel e Marcos Mosquera con “Legatum”, desde obras escultóricas de relevantes artistas, seleccionando a Soledad Penalta, coruñesa de Noia e a gran dama da escultura galega, coa obra “Agarimo”, que alude á infancia, en chocolate rubí e framboesa. E tamén Acisclo, como ela da Academia de Belas Artes, con “Xénese”. E Acisclo Novo, fillo deste, con “Perenne”. Con eles, “Díscolo”, de Arturo Andrade, o gran escultor alaricano, e luthier. Son, ou queren ser, as cinco etapas da vida, que xa Roma contemplaba infantia, pueritia, adulescentia, iuventus, gravitas ou a da madurez, entre 50-70, e senectus como fases do camiñar humano. Todo un concepto, o do homo viator, que simboliza ”Odisea” de Xosé Cid. Son así cinco as pezas que reproducen en pequeno formato as obras, nunha elegante caixa. Alimenticio, artístico e innovador. Para larpeiros premium…
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior
OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas