Xogando coas armas... nucleares

Publicado: 03 jun 2025 - 05:16

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Aínda que as dúas partes, tal como está de tensa a situación, evitan falar do armamento nuclear, si ameazan cun maior enfrontamento entre as potencias presentes na guerra da Ucraína, ou sexa, entre a Federación Rusa (FR) e a OTAN. Mais, evitar a escenificación do punto final non serve pra ren cando non vai acompañada dun discurso e medidas que primen o dialogo e un punto de encontro pra paz. O certo é que a agresión verbal a Putin feita por Trump e as declaracións de Merz sobre a cesión mísiles de longo alcance a Ucraína, pra atacar en profundidade no territorio ruso, son un salto ao abismo, de concretarse. Aínda que o chanceler alemá matizou posteriormente e falou de ensinar a Ucraína a construír estes mísiles Taurus, a diferenza é mínima, de levarse a cabo a participación directa na fabricación. Dá a impresión de Merz e a OTAN só queren gañar tempo medindo o resultado deste salto cualitativo na confrontación militar, xa que cos mísiles estenderían a guerra a unha gran parte do territorio ruso, e... até onde chegaría a contestación da FR?

A UE está secuestrada pola burocracia e as grandes corporacións, cunha importante incidencia das estadounidenses

A esta altura a vitoria militar de Rusia na guerra da Ucraína semella só unha cuestión de tempo. Agora ben, este resultado ten consecuencias políticas e económicas, xeo-estratéxicas, a nivel mundial, acelerando a consolidación dun mundo multipolar, con tres potencias destacadas: Estados Unidos, China, e Rusia. Un trago difícil de aceptar polos socios de Estados Unidos,... e moi especialmente pola Unión Europea, na que durante séculos algúns dos seus países tiveron un papel central e unha actividade destacada na globalización neoliberal. Poder gañar a guerra na Ucraína, malia que dependa en boa medida dos papel dos Estados Unidos, vese por parte da burocracia de Bruxelas e das corporacións da UE como a única saída a un recuar económico e social cada vez máis evidente. Consecuencia dun capitalismo na sua etapa senil (como a definía Samir Amin), e moi especialmente polo grao de submisión ás directrices e tendencias impostas por Washington (das que as bases militares desta potencia son un exemplo).

É preocupante a actitude de dous países de referencia da UE, como son Francia a Alemaña, cando Bruxelas está cada día máis pechada no estreito circulo de poder, que amosa unha Comisión afastada da problemática social, que ignora a diversidade da Unión, e os graves problemas das clases populares, de desigualdade, e de falta de expectativas, de carencia dun proxecto propio. A UE está secuestrada pola burocracia e as grandes corporacións, cunha importante incidencia das estadounidenses. Daquela o avance da ultradereita ligada a problemas como o da inmigración descontrolada, o medre da delincuencia e as agresións, e sobre todo a falta de forzas de esquerda, en moitos países da UE, que propoñan medidas transformadoras que ofrezan a garantan solución ás problemáticas económicas e sociais das maiorías.

Neste contexto, é tendo en consideración a gravidade da conflitividade militar e da confrontación económica (acompañada en occidente por unha crise do modelo), é esencial que existan respostas en todos os ámbitos que pensen con perspectivas de futuro, tanto a medio como a longo prazo. Por exemplo, na Ucraína partindo da realidade no campo de batalla e en construír marcos de garantía mutuos, xa que este é o único xeito de acadar un acordo de paz con Rusia, e asegurar que non se reproduciran novas guerras no continente... Sen dúbida, neste campo de actuación tan importante ten unha gran transcendencia evitar e castigar xenocidios como os de Gaza. Non pode haber unha dobre vara de medir, si se quere fortalecer o dialogo, a paz e os organismos internacionais. E resulta evidente que occidente non tratou igual a Kosovo que a Crimea e o Dombás.

Contenido patrocinado

stats