Opinión

As "Aughas mortas" de Joel Padín

undefined

Parece mentira que nos últimos tempos poida ter a satisfacción de escribir sobre novos traballos discográficos de artistas galegos; e falo de discos físicos, coa súa carátula e o seu libreto. Coa que está caendo hai que falar ás veces de auténticas heroicidades, aínda que veñan acompañadas de pequenos ou grandes empuxes de institucións oficiais, ou das axudas chegadas a traves deso que seu deu en chamar “crowdfunding”, o mecenazgo de toda a vida no que se implican os amigos.

Hoxe teño especial satisfacción en falar do disco “Aughas Mortas” do xoven Joel Padín, título co que quere deixar claro que pertence con orgullo ás terras de Vilagarcía de Arousa, onde así lle chaman ás medusas. E a alegría venme fundamentalmente porque unha vez máis presento o primeiro traballo dalguén que vin nacer para o gran público, ao ser o gañador de “Pequenos Fenómenos” que eu presentei na TVG e que, daquelas, ao neno Padín lle permitía, ademáis de ser inmensamente feliz, demostrar a súa solidariedade donando os cartos obtidos no concurso á Protectora de Animais de Vilagarcía, con quen segue colaborando a día de hoxe.

Pois aquel neno que namorou ao xurado do programa, formado por Lucía Pérez, Davide Salvado e Susana Seivane, converteuse nun adolescente de case 16 anos que, a forza de traballo, tesón e aposta decidida pola música tradicional, consegue ter no mercado o seu primeiro disco, que inclúe 13 temas do tamén vilagarcián Carlos Rey, quen tamén desde o primeiro momento apostou por Joel dándolle a oportunidade de luxo de poder escoller entre o inxente número de cantigas que atesoura das recolleitas polas aldeas de Galicia. E para que quede clara a súa aposta  subliño un pequeno fragmento das palabras que lle dedica no libreto do disco:   “Calquera pode ser un gran cantante ou instrumentista. Pero cando o canto ou o instrumento traspasan a fronteira da técnica e chegan ao corazón de quen o escoita…poñéndoche os pelos de punta…a iso chámaselle ARTE, porque transmite sentimentos que nos chegan ao fondo”. 

Pouco máis que engadir a estas preciosas palabras. Onte emitiuse no meu programa de radio unha entrevista que lle gravei esta semana a Joel Padín, e podo dicirlles que estamos diante dun presente e un futuro importantes na música tradicional galega; ben é certo que terá que seguir cos pés na terra, pasiño a pasiño, e deixándose aconsellar polos que o preceden e aos que el tanto admira, aínda que siga reivindicando coa forza e a rebeldía da súa xuventude “que lle deixen facer as cousas á súa maneira”, e terá que ir asumindo que se atopará no camiño con xentes que opinen doutro xeito. El sabe que para seguir polo bo rego ten unha referencia inequívoca en artistas que el admira e respecta ao máximo, deixándose contaxiar pola delicadeza e mestría de Xabier Díaz e das propostas moitas veces revolucionarias e fantásticas de Davide Salvado. 

Agora é o momento de ir creando o seu propio estilo, e asumindo que o mesmo que lle cambiou completamente aquela voz tan aguda de cando era neno, tamén irá cambiando e enriquecéndose con toda a bagaxe que vaia acumulando a medida que medra física e profesionalmente. Quédalle todo por facer, pero este disco xa é un gran comezo, e unha excelente carta de presentación para todos os que amamos a nosa música. En hora boa Joel.

Te puede interesar