Opinión

A eurovisiva “PrePartyES”

Anabel Conde en Eurovisión en 1995.
photo_camera Anabel Conde en Eurovisión en 1995.

Por fin, despois de dous anos volve a Madrid en rigoroso directo a gran festa europea previa ao Festival de Eurovisión, onde se dan cita a maioría dos intérpretes que pasarán polo escenario de Turín o próximo mes de maio. Os responsables da organización, os galegos Vicente Rico e Manu Mahía, e así mesmo responsables da imprescindible páxina “Eurovisión-Spain.com”, manifestan a súa ledicia polo poder de convocatoria que este ano tivo a cita eurovisiva a celebrar na Sala La Riviera os próximos venres e sábado. Estou convencido de que se en anteriores edicións deste evento a organización foi perfecta, o deste ano vai ser de matrícula de honra, polo gran empeño que puxeron xunto con moitos colaboradores para que esta “PrePartyES” sexa todo un éxito. O certo é que a estas alturas xa practicamente non quedan entradas, e dou fe diso porque así mo contan algúns compañeiros do “Bamboleo”, como o produtor ourensán Samu Vázquez, os responsables dos podcasts “This is Galicia Calling”, ou o operador de cámara Felipe Gónzález, xunto con todos os integrantes de “PetardPop”, os que se encargan de poñer música e facer festa cada fin de semana no vigués “Plaff”, rexentado pola amiga ourensá Itos.

A festa está servida para que todos os eurofáns se empapen de música eurovisiva e do bo rollo que caracterizan estas convocatorias ás que eu teño asistido en anteriores edicións. Polo escenario de La Riviera pasarán na noite do venres, no concerto de benvida, moitos dos participantes no “Benidorm-Fest” organizado por TVE para elexir a canción representante en Eurovisión; alí estarán entre outros Luna Ki, Xeinn, Blanca Paloma, The Roop, Sara Deop ou Azúcar Moreno, para logo dar paso a unha festa interminable na que os asistentes bailarán e corearán éxitos eurovisivos de todas as décadas; festa que terá continuidade na noite grande do sábado na que actuarán a maioría dos representantes da 67ª edición do Eurofestival, nunha gala conducida pola gran Ruth Lorenzo, quen nos representou estupendamente no 2014, e na que actuarán representantes chegados desde Islandia ou Suecia ata Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Noruega, Francia ou Rumanía entre moitísimos outros. E non dubidamos que haberá momentos de moita emoción como a homenaxe que se lle fará á cantante Anabel Conde, quen co tema do amigo Chema Purón “Vuelve Conmigo” conseguira acadar o 2º posto en Dublín no ano 95, cunha das mellores interpretacións que se teñen visto na historia do Certame, mantendo ata o de agora a mellor clasificación española nas últimas 42 edicións.

Pero se esto pode ser moi emocionante, será pouco comparado coa homenaxe que se lle rendirá a Jamala, a ucraína gañadora de Eurovisión 2016, que está sendo convidada a moitos eventos musicais ao longo de toda Europa, despois de saberse como tivo que fuxir penosamente cos seus nenos debido á invasión rusa, mentres o seu marido tivo que quedar para defender Ucraína. Jamala, ademais de cantar, acode a Madrid como Embaixadora pola Paz en Ucraína e en apoio ao programa de donacións para a reconstrucción do mesmo.

Por se fora pouco, ese mesmo sábado actuarán na gala da “PrePartyES” o cantante Rayden e as nosas “Tanxugueiras”, xa que o día anterior teñen compromisos en Pamplona e Benicàssim. De Chanel soamente se sabe que ao parecer nestas datas estará en Miami gravando novos temas. Pois vaia, que coincidencia, ¿non?

Te puede interesar