Opinión

Falando con Christian Escuredo

El actor Christian Escuredo
photo_camera El actor Christian Escuredo

Esta noite volverei conversar co meu amigo valdeorrés Christian Escuredo, quen onte mesmo estivo en “Luar” exercendo de xurado e mesmo facendo o que máis lle gusta que é cantar, ademais de actuar. 

Atopámonos hai un par de semanas cando eu tamén asistín ao programa do querido Xosé Ramón Gayoso, pero aínda que lles pareza raro case non puidemos falar fora das cámaras, por aquelo de ser responsables e seguir os mandatos das autoridades sanitarias, e tamén porque falar a distancia, con máscara e á berros non é a mellor maneira de comunicarse; mellor facelo tranquilamente por teléfono e como no caso desta noite, coa Radio Galega como testemuña. Xa saben que despois do “Bamboleo” televisivo aínda poden engancharse ao radiofónico, onde  volveremos repasar a carreira deste estupendo actor e cantante ao que poremos colorado recordándolle aquel “Velero llamado libertad” de Perales, co que participou nun karaoke en Portonovo con tan só dez aniños, e sen que os seus pais souberan que viña de gañar o concurso. Ou cando subíu ao escenario da Casa da Cultura do Barco de Valeorras para recrear a canción “Un mundo ideal” da película “Aladdín”,  que ben puido ser o seu primeiro contacto cos musicais que tanta o fixeron medrar profesionalmente uns anos despois, acadando todos eses premios tan importantes dos que xa vos teño falado noutras ocasións. Pasar de interpretar e ser aclamado polo seu papel de “Adam-Felicia” no musical “Priscilla” ata protagonizar, e de que maneira,  “33 El Musical”, encarnando a figura de Xesús de Nazaret, soamente está ao alcance dos grandes e de quenes deixan a pel enriba das táboas. Como alguén escribíu na revista “Teatros”: “Soamente un titán da interpretación é quen de baixarse dos tacóns de “Felicia” para subirse á cruz de Xesús de Nazaret, con aplauso unánime de crítica e público”.

A noite que compartín con el o xurado de “Recantos” quedei abraiado co discurso tan meditado, comprometido e preciso co que nos agasallou. Sempre dixen que para ser un bó comunicador hai que ter unha preparación intelectual e pedagóxica adecuada, sobre todo cando tés que defender en directo as túas ideas ou cando che apetece sairte un pouco do guión para que os espectadores coñezan algo máis á persoa que lles fala e non tanto ao personaxe. Ser Diplomado en Educación Musical, Licenciado en Interpretación Textual e Posgraduado en Pedagoxía Teatral, sumado ao constante proceso de formación cos mellores mestres a nivel mundial en disciplinas como a danza nas súas múltiples variedades, a comunicación teatral, a creación escénica e moitas outras, fan que este noso artista sexa toda unha garantía para calquera producción teatral, televisiva ou cinematográfica.

Con pandemia de por medio ven de gravar en Portugal coa RTP e a productora galega CTV a serie “Chegar á casa”, acompañado dos actores galegos Miguel Angel Blanco e Sara Casasnovas, e xa está metido de cheo nos ensaios da súa próxima obra de teatro “Afterglow”, a estrear en Madrid o próximo mes de marzo se todo se pon de cara; unha obra que triunfou en Off-Broadway e Londres e que significa un paso máis na súa carreira á hora de experimentar con novos e arriscados rexistros.

De todo isto e de moito máis falaremos esta noite no “Bamboleo” radiofónico con este valdeorrés do que estamos moi orgullosos, e encantaranos contar coa vosa escoita.

Te puede interesar